O PP leva a polémica fusión de Cerdedo e Cotobade á Deputación de Pontevedra

Carmela Silva di que recibirá "cando toque" aos alcaldes destes concellos tras criticar estes que o organismo provincial se reúna antes coas plataformas que se opoñen que con eles.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 11/03/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O PPdeG levou a polémica fusión de Cerdedo e Cotobade nun único concello á Deputación de Pontevedra. A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, xa avisou que a entrevista que solicitaron con ela os alcaldes destes dous concellos,  José Balseiros e Jorge Cubela, respectivamente, "non ten urxencia" e que os recibirá "cando toque".

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra | Fonte: depo.es

Os rexedores critican que o organismo provincial se teña reunido este mércores coa recentemente creada plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade e denuncian que se converteu nun "altofalante e portavoz" dos veciños contrarios a esta unión. "É unha acción de grave radicalismo", dixo José Balseiros, alcalde de Cerdedo, que solicitou aos dirixentes da Deputación que se absteñan de emitir xuízos sobre un proceso que "descoñecen".

Pero Carmela Silva xa lles contestou que a deputación, por agora, "non ten nada que facer" con respecto a esta fusión e lembroulles que non tivo “absolutamente ningún coñecemento" ata que se deu a coñecer por Feijóo na Xunta. Algo que para a presidenta provincial é unha "falta de respecto institucional".

Ademais, espetoulles que non se reuniu con eles porque non tiña ningunha petición de entrevista e que os recibirá cando a deputación emita o preceptivo informe sobre a fusión, tal e como marca a lexislación vixente.

Os dous alcaldes presentaron xa este venres no rexistro deste organismo provincial a petición deste encontro, e aseguraron "non entender" como o PSdeG-PSOE e o BNG, "dous partidos que defenden a fusión voluntaria de concellos", non atenden as súas peticións para explicar este proxecto de fusión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta