Rocío Castro: “Vieiros quería ser o medio de todo o galeguismo"

Vieiros foi, durante anos, o espello da Internet en Galicia e un auténtico pioneiro nesta rede cando ningún medio tradicional sabía aínda do seu potencia. Este pasado febreiro cumpriría 20 anos. Por iso, GC falou con Rocío Catro, a primeira muller directora dun xornal dixital en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/03/2016 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Vieiros foi unha das primeiras webs que se crearon en Galicia e naceu coa idea de aglutinar información sobre o país. Foi o primeiro medio que fixo chats abertos á xente con persoeiros, moitos anos antes de que o fixesen os demais. Tamén experimentos literarios participativos como ‘Por conto alleo’, con Camilo Franco e logo Jaureguizar.

A xornalista Rocío Castro, ex directora de Vieiros
A xornalista Rocío Castro, ex directora de Vieiros | Fonte: Marcus Fernández

O primeiro gran medio dixital galego chegou a ter 20.000 visitantes ao día e máis de 30 edicións locais en Galicia e en todo o mundo (Nova York, Londres, Bos Aires, Barcelona, Madrid, Lusofonía, Euskadi, Bierzo, Eo-Navia, As Portelas…) que eran realizadas por galegos e galegas de forma voluntaria.

Rocío Castro (Pontecesures, 1975) lembra como foron os comezos e a consolidación dun dos grandes medios do país. Un medio que foi quen de presionar á RAG para que fixera o acto das Letras no Bierzo (no ano Sarmiento) ou realizar o concurso da canción do verán Apologhit coa Radio Galega.

“Non eramos imparciais nin seguramente o quixemos ser nunca. Queriamos ser o medio de todo o galeguismo, en sentido aberto, desde as posicións galeguistas dos partidos estatais até o independentismo”, lembra ao suliñar que o actual alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, empezou a escribir artigos en Vieiros cando aínda era militante do PP.

Van alá xa 20 anos de Vieiros. Cóntanos como naceu este proxecto e que pretendía?
Vieiros foi unha das primeiras webs que se crearon en Galicia e naceu coa idea de aglutinar información sobre o país, dado que non había nada. Daquela tiña o subtítulo de ‘The Galician District’, o barrio galego na Internet, e foi creando un directorio das webs que existían relacionadas con Galicia. Logo pouco a pouco foi incorporando noticias. Eu, por exemplo, que en 1997 vivía en Gales, informábame do que pasaba aquí a través de Vieiros, non había outra maneira de facelo. Lembro coma se fora hoxe a noticia do Discoverer Enterprise espetándose contra a ponte das Pías en Ferrol.

Portada de Vieiros
Portada de Vieiros

Tamén por aquel entón existía xa Vilaweb. Seguiuse o exemplo deste portal catalán?
Vilaweb naceu uns meses antes. Tiñamos moita relación e durante un tempo eran modelos semellantes en canto a medio de comunicación, que logo diverxeron, pero Vieiros sempre tivo esa outra parte de contidos e activismo na rede que o diferenciou do resto: especiais no Día das Letras, chats abertos á xente con persoeiros moitos anos antes de que o fixesen os demais (o primeiro con Díaz Pardo, por certo), experimentos literarios participativos (aquel fantástico ‘Por conto alleo’ de Camilo Franco e logo Jaureguizar), un diccionario sexual feito coas achegas das lectoras, etc. Era o tempo da Internet 1.0 pero Vieiros xa intuiu cara onde ía o tema: a comunidade e a participación.

Daquela facer algo na rede era toda unha aventura. Como foron eses primeiros inicios e como se paliaban as deficiencias e problemas técnicos que había?
Eran os tempos dos módems e de Infovía Plus, con aqueles ruidiños que agora me fan graza pero que daquela odiabamos. Había que ter moita moral para conectarse.

Ti, que fuches a primeira muller directora, como lembras eses momentos?, como era o día a día daquel Vieiros?
Eu entrei no ano 98, e Vieiros xa existía desde había dous anos. Fora fundado por Item-Aga, unha empresa de Ferrol que logo se chamou Acordar e se trasladou a Santiago. O editor era Lois Rodríguez e realmente o primeiro director foi Daniel Romero, eles foron os auténticos pioneiros. Eu entrei cando se fixo unha aposta por convertelo nun medio de comunicación. Así que fun a primeira xornalista en Vieiros (e en calquera outro medio en Internet en Galicia). Era un proxecto moi ilusionante, realmente para min -que era o meu primeiro traballo- foi todo un luxo. Pero ao comezo eramos uns bechos raros. A Internet tiña moi pouca penetración en Galiza, e convertémonos moi rápido en referencia para esa minoría de persoas. Eu sempre lembro que no ano 98 meu pai dicíalle aos amigos que a súa filla traballaba “nunha empresa de Santiago que se chamaba Interné” :). Algo do estilo me dixo tamén unha presentadora da TVG. E algo moito peor (ou moito máis pavero, aseghún) un alto cargo da Xunta. Iamos dar moitísimas conferencias por Galicia adiante e máis alá sobre aquel “fenómeno” novo, os medios chamábannos constantemente para facer reportaxes, etc.

Só fixeron falla uns poucos anos para que Vieiros se convertera en todo un referente. Como foi isto posible? Cal foi o segredo do seu éxito?
Vieiros nunca foi un medio ao uso, entre outras cousas porque iso era imposible, non tiñamos recursos para competir en igualdade de condicións. Así que faciamos noticias, pero sobre todo intentamos crear unha comunidade. Sempre diciamos que Galicia non era un territorio, senón un espazo de comunicación, e a partir diso traballabamos. Vieiros chegou a ter máis de 30 edicións locais en Galicia e en todo o mundo (Nova York, Londres, Bos Aires, Barcelona, Madrid, Lusofonía, Euskadi, Bierzo, Eo-Navia, As Portelas…), realizadas por galegos e galegas de forma voluntaria. Nós ademais de ser un medio interviñamos na realidade de forma directa, queriamos poñer o noso grao para crear “un país normal” (ese era o nome dunha campaña nos últimos anos). Quero dicir, creamos unha campaña para presionar á RAG para que fixera o acto das Letras no Bierzo (no ano Sarmiento) e conseguímolo, involucrámonos no tema do Prestige formando parte da Burla Negra, o concurso da canción do verán Apologhit coa Radio Galega… Non eramos imparciais nin seguramente o quixemos ser nunca. A nosa posición sempre foi moi clara: queriamos ser o medio de todo o galeguismo, en sentido aberto, desde as posicións galeguistas dos partidos estatais até o independentismo. Lembra, por exemplo, que Rafa Cuíña empezou a escribir artigos en Vieiros cando aínda era militante do PP. Á marxe de todo isto, o grande estirón de Vieiros deuse no tempo do Prestige, pero xa tiñamos unha ampla base social antes diso.

E que lle pasou a Vieiros para que dixera adeus tan precipitadamente?
Hai que saber unha cousa antes de nada: a pesar de que na época do peche Vieiros tiña unha audiencia duns 20.000 visitantes diarios, nunca foi autosuficiente economicamente, sempre dependeu dunha empresa irmá que a sostiña. Sobre o feche, aínda está na rede a explicación do editor, na que fala de “irregularidades económicas e administrativas de extrema gravidade, cuxa responsabilidade foi asumida por escrito polo daquela xerente e apoderado das empresas”. Isto coincide ademais coa chegada da crise, o que convertiu o problema en insalvable.

Como ves agora o panorama mediático galego?
A burbulla mediática aínda non se pinchou. Caeron só os elos máis febles da cadea (casualmente, os que eran en galego), os outros mantéñense. Desde hai moitos anos hai unha sobreoferta que non se corresponde coa demanda. E todas sabemos por que.

E hai futuro para o xornalismo na nosa lingua?
Se non hai lingua non pode haber xornalismo nesa lingua. O que está realmente en perigo é esta, o outro é unha consecuencia. Se esta sobrevive, e iso está moi no ar á vista dos datos e do que se ve na rúa, haberá xornalismo. Se me preguntas polo curto prazo, os que se manteñen teñen/tedes moito mérito á vista de que non compiten nas mesmas condicións. Parabéns, xa que logo ;)

Xurxo Salgado, director do GC; Rocío Castro, ex directora de Vieiros; Xosé Pereira, vicereitor de Comunicación da USC; Ubaldo Cerqueiro, director de Que Pasa na Costa e Marcus Fernández, coordinador de Código Cero nun relatorio organizado durante os 10 anos do Galicia Confidencial
Xurxo Salgado, director do GC; Rocío Castro, ex directora de Vieiros; Xosé Pereira, vicereitor de Comunicación da USC; Ubaldo Cerqueiro, director de Que Pasa na Costa e Marcus Fernández, coordinador de Código Cero nun relatorio organizado durante os 10 anos do Galicia Confidencial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

8 ixtlan

Era unha inxección de moral ver que, como di R. Castro, era posible ter un medio de todo o galeguismo. É unha tarefa pendente, que oxalá GC poida acadar. Tamén é certo que iso é máis difícil nun país como Galicia se se encontra instalado nos reinos de taifas e ademais é abafado polo nacionalismo español.

7 José Martínez-Romero Gandos

Tiven a honra de levar adiante a edición de Bos Aires. Os emigrantes lamentaron a perda de Vieiros.

6 Gamela

Algúns sempre pensamos ca morte de Vieiros non foi unha casualidade... Había que matar ao pai se querían impulsar ao fillo (Xornal de Galicia con Jacinto Rey á cabeza!) // Escribíamos en OpenVieiros / http://www.vieiros.com/open/amosar/... // Gracias a GaliciaConfidencial que recolleu o testigo ao manter GCAberto! Saúde e Boa Fortuna!

5 manu2

Que gran web, mesmo o seu deseño de hai anos é máis atractivo das que pretenderon continuar a súa labor.

1 Turple

Pois si, é evidente que aínda é máis atractivo que calquera dos tres que miro, este cada vez menos todo hai que dicilo.

4 Lois

Oxalá volvese Vieiros: Entre todos o matamos e el só morreu