Por Europa Press / Redacción | FERROL | 27/01/2025 | Actualizada ás 18:04
Ferrol foi, das sete grandes cidades de Galicia, a que rexistrou o maior incremento porcentual de poboación durante os seis primeiros meses do pasado ano 2024, segundo a información que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE). Segundo eses datos, na cidade naval o incremento foi de 1,23 % entre xaneiro e xullo do pasado ano, ao pasar de 64.358 veciños a 65.147, é dicir, 789 máis. A segunda poboación que rexistrou unha taxa de variación maior, cun 0,90 %, foi Santiago, ao incrementarse o rexistro de habitantes en 896 persoas, seguida da Coruña, onde a subida foi o 0,47 %. A cuarta posición segundo estes datos ocupouna Pontevedra, cun incremento do 0,43 %, ocupando Vigo, Lugo e Ourense o restante de postos, cunha taxa de variación, respectivamente, do 0,25 %; 0,19 % e 0,13 %.
Ante estas cifradas, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asegurou que estes datos do IGE "son unha magnífica noticia para a cidade, consolidan unha tendencia á alza e rompen 40 anos de perda de poboación permanente". O rexedor popular detallou que "non son o final dun camiño, pero si que nos demostran que Ferrol vai na boa dirección, que é unha cidade en movemento, unha cidade en transformación". Rey Varela asegurou que estes datos son grazas ás "oportunidades en materia de emprego e en materia de calidade de vida, grazas ás melloras dos temas do día a día", e que por iso se teñen que aproveitar "oportunidades co incremento da vivenda pública, para que máis persoas e máis familias poidan vir a esta cidade". O rexedor confiou en que "esta boa noticia" sigua sendo "unha tendencia de crecemento ao longo dos próximos anos", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.