Poderes agochados

“Nalgún momento sairán a luz, pois son como as meigas, dado que existen aínda que non se ven pero mandan e teñen gobernantes electos presos do favor que os obliga a actuar sempre na defensa dos seus propios intereses.”

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/03/2016

Comparte esta noticia

Nos finais do franquismo sempre se dicía que os poderes fácticos eran os que impedían a evolución do réxime. E dentro daquela denominación estaban o exército, a igrexa, o poder económico, tamén algunha  prensa e incluso o engolado e endogámico poder xudicial. Entendíase que eses núcleos e algúns máis eran os poderes que baixo corda influían para frear a evolución dun Estado que vivía moi distanciado do que pensaba e pedía a xente na rúa.

Pasados moitos anos,  aínda que  situación politica mudou, ises poderes  seguen a ter un peso  semellante ó que tiñan naqueles anos da transición á democracia.

Por iso, con todo o que choveu dende  ises anos,  percíbese  que, na nosa sociedade, nin existe a separación dos poderes plena,  nin o poder político se libera das influencias de moitos grupos de presión, nin a xustiza é totalmente independente, nin a prensa é totalmente libre, nin farrapos de gaita. Todo depende do momento e das ciscunstancias. Todo depende da presión e do volume do tema incluído o montante económico. Os poderes ocultos, os que aconsellan, os que influen en entran pola porta traseira dos despachos, aínda están na trastenda do poder e mandań moito. Pois ate poden desfacer gobernos, erguer calumnias, contar medias verdades, e investigar; ante poden  acusar  con escasa  base legal. En fin, preto de nós temos exemplos arreo.

Hai uns días o que fora vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, diante o ataque dun periodista que dedicou unha envelenada carta,  dixo que, cando estaba no goberno, un procer coruñés o advertiu de que ou modificaba o concurso eólico para favorecelo,  ou que se ativera ás consecuencias. Pois un enfermeiro de Allariz non podía modificar o rumbo da economía galega. E abrila a moitas empresas para crear un tecido empresarial galego. Enténdase repartir negocio entre todos. Quin  respostoulle que se quería gobernar pois que se presentara ás eleccións.  Pero, logo do aviso,  empezou o martilleo con esaxeracións, mentiras e medias verdades que se publicaban, un día si e outro tamén, contra o goberno no que estaba e contra el.  Chegaron as eleccións á Xunta e estas perdéronse por un escano. Logo, o novo presidente, que é o actual,  chimpou o mencionado concurso, argüíndo que era ilegal e  asunto concluído. Despois chegou outro concurso e un novo reparto. Pasados case oito anos, a xustiza demostrou que o primeiro  concurso era perfectamente legal e agora a Xunta enfróntase a reclamacións xudiciais por danos e perxuízos. Todo un grande éxito dos gobernantes desta nosa terra, claro  presididos por quen medita retirarse, pois parece que en Madrid non lle dan cancha.

Conclusión: líbrenos o demo ou quen sexa de fadas deste tipo; de poderosos con dereito a pernada. Líbrenos tamén  o diaño de cair nas mans destes poderes ocultos. De mentalos ou nomealos; líbrenos quen sexa  de cair nas mans dalgúns xuíces pois estarás  eternamente imputado, e serás xuzgado pola xente como culpable. E cando fale a xustiza xa será moi tarde pois esta é sumamente lenta. Polo que  deixará de ser xustiza. Pois, se te inclúen como imputado, agora investigado, nunha lista por pasares por alí, pode que collas a xubilación  e te vaias para o outro mundo sin ter acusación definitiva e menos xuízo. Líbrenos quen sexa dos que mangonean e mangonearon sempre o poder pois teñen tantas maneiras de machacarte que toda a democracia que temos vale de pouco.

Por iso falo hoxe dos poderes agochados. Si, deses que non se ven pero que estan ramificados e inflúen moito nos que mandán. O bipartito, o denostado goberno,  xa é historia. Pero as consecuencias negativas  dos que chimparon o concurso eólico ímolas pagar todos. Mellor dito, estamos pagándoas todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com