Feijóo defende as actividades de Quintana e evita falar do seu futuro profesional

“Iso non ten ningún sentido nin ético, nin estético”, di sobre as críticas recibidas polo ex vicepresidente nun artigo de La Voz de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/03/2016 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

A Anxo Quintana saíulle un aliado inesperado. Logo das graves acusacións que fixo contra el un medio coruñés, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendía a súa honorabilidade como deputado e como empresario. Unha defensa que coincide cos rumores que o sitúan tamén a el no ámbito empresarial.

Feijóo e Quintana, cando o segundo era vicepresidente da Xunta
Feijóo e Quintana, cando o segundo era vicepresidente da Xunta

Anxo Quintana anunciaba hai dúas semanas que deixaba o BNG logo de anos de estar en segunda fila. Quen foi vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do Bloque marchaba sen moito ruído e sen críticas a súa formación. Uns días despois almorzaba cun durísimo artigo do ex delegado de La Voz de Galicia en Ourense, representante da liña editorial deste medio, no que, entre outras cuestións criticaba que se teña adicado á vida profesional.

“Me parece que este hecho, el de dedicarte a los negocios tras solo cuatro años en el gobierno y no regresar a la sanidad pública, de la que provenías como enfermero, es un mal ejemplo que te inhabilita para dar lecciones en la política actual”, escribía. “Cos 10.000€ que tiña na miña conta, e que eran o meu único capital, constituín a miña propia empresa. Coñecín entón, que non antes, a persoas en Alxeria, Marrocos e Uruguai coas que montei oficinas de internacionalización empresarial neses países. Dende entón buscamos oportunidades  e  facemos  trámites  para  as  empresas  europeas  que  queren  traballar  no estranxeiro. Son un pequeno autónomo que, como milleiros en todo o país, loita todos os meses para que os ingresos dean para pagar ao banco, aos provedores e para atender a familia”, contestáballe Anxo Quintana noutro artigo publicado nas súas redes sociais.

Tras estes duros ataques, o ex vicepresidente da Xunta non contou cun apoio oficial do que foi o seu ex partido, nin o seus compañeiros do BNG durante tantos anos. Tivo que ser o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo o que, preguntado por Galicia Confidencial, saíu na súa defensa como deputado e como empresario. De feito, mesmo chegou a criticar ese artigo publicado no seu medio de referencia: “Paréceme que reprochar iso non ten ningún sentido nin ético, nin estético”, dixo do escrito por Rubín.

Quintana estivo dous anos de parlamentario e cumpriu a Lei de Incompatibilidades e ten todo o dereito, por suposto, a tentar levar a casa un xornal ao mes. Non creo que sexa ningunha conduta reprochable. Cal é a conduta?; que se puxo a traballar cumprindo a lei. Pois se alguén se pon a traballar cumprindo a lei pois paréceme que reprochar iso non ten ningún sentido nin ético, nin estético”, dixo contundente Alberto Núñez Feijóo.

O futuro “profesional” de Feijóo

Unhas declaracións que fixo tras ser preguntado polo seu futuro, logo de que el mesmo chegara a insinuar nunha entrevista a Onda Cero que podía iniciar outra actividade profesional. “O debate persoal non é Madrid ou Galicia, senón se se me vexo a min mesmo con ambición política suficiente para volver ser presidente dos galegos e para dedicar toda a súa vida a política, ou se vou iniciar outra actividade profesional”, suliñaba.

Por iso, e sobre a posibilidade de que o seu paso ao mundo privado poida depararlle críticas, como as que tivo Quintana, Feijóo lembrou que leva no sector público desde os 29 anos e que o seu comportamento sempre foi o mesmo; “defender os intereses xerais”.

Foi na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves na que tentou evitar esta cuestión. “Nesa cadea de radio non dixen nada novo e foi o que dixen noutras radios aquí e fóra. Non oculto que se montou un barullo e, por iso, non vou dicir nada ata que o teña que dicir, porque a xente pode ser moi imaxinativa", dixo. E engadiu, “aínda que desminta unha imaxinación pode levar a outra e entón estariamos constantemente imaxinando e desmentindo", sinalou en relación as informacións que o vinculan coa Fundación Inditex.

En todo caso, e sobre o seu futuro, Feijóo dixo que o PPdeG celebrará mañá un comité de dirección para convocar a xunta directiva e que esta convoque, a súa vez, uno congreso autonómico que pode ser ordinario ou extraordinario e que se celebrará despois da Semana Santa. Dese congreso sairá o candidato á Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 XanKaraLlás

Feijoo e Quintana, tal para cal. Un do partido postfranquista al que os galegos votan de maneira compulsiva como descerebrados e o outro, suposto "progresista" e "nacionalista galego", ese matado que foi vicepresidente do goberno bipartito que tirou ao lixo esa oportunidade e lles entrogou de novo o goberno en bandexa aos fachas de sempre. O Quin merecía un gran aplauso, mais na cara.

1 Leticia

Feijoo e Quintana de compis yogui.