Vítimas de violencia de xénero son desafiuzadas sen ningunha axuda da Xunta

Stop-Desafiuzamentos Ourense critica a actitude do Instituto Galego de Vivenda e Solo e do Concello de San Cibrao das Viñas por despreocuparse pola situación dunha muller desafiuzada, vítima de malos tratos e cun fillo con autismo e dependencia recoñecida de Grao III.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/03/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Unha muller cun fillo ao seu cargo e vítima de violencia de xénero leva desde comezos de mes acollida por membros de Stop-Desafiuzamentos de Ourense. É o único colectivo que se ten preocupado pola súa situación a pesar das axudas que a Xunta ten prometido para as mulleres que sofren malos tratos.

Protesta contra os Desafiuzamentos
Protesta contra os Desafiuzamentos | Fonte: CIG

Logo de suspendérenlle a RAI, a día de hoxe, so percibe unha axuda de 193€, que cobra dende xaneiro, pola dependencia do seu fillo e son os únicos ingresos dos que dispón. Neste momento non ten ningún lugar onde vivir nin dispón das posibilidades económicas para afrontar un alugueiro.

Este colectivo leva semanas loitando para que esta muller teña un fogar digno e critican o "desleixo" do Concello de San Cibrao das Viñas e da Xunta de Galicia no trato dado a unha muller nesta situación. Curiosamente, e a pesar das axudas oficiais que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou en consellos da Xunta, o certo é que a administración Xustifícase, neste caso, na falla de recursos.

Por iso, demanda que as diferentes administracións, tanto concello ourensán, como o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), cumpran coa súa obriga constitucional, de facer efectivo o dereito a vivenda digna, e proporcionen "de xeito inmediato" unha vivenda social a prezo axeitado.

Ademais, reclama que se implementen protocolos efectivos para que  mulleres en situación de violencia machista recoñecida se lles proporcione, "de xeito inmediato", vivendas de alugueiro social. Tamén lle pide aos concellos unha maior coordinación inter-administrativa que detecte posible erros,  para poder correxilos, de xeito que non se chegue a "estas situacións dramáticas".

O caso desta muller foi coñecido por Stop-Desafiuzamentos o pasado 10 de marzo, a través da Cruz Vermella. A muller pónse en contacto con este colectivo para dicirlle que é vítima de violencia de xénero, sen apoio familiar algún, con un fillo menor con autismo e dependencia recoñecida de Grao III.

Sen resposta da Xunta

Logo de esquecerse de selar, no mes de novembro de 2015, a tarxeta do INEM, deixa de percibir a única axuda, unha RAI. Dende esta data non pode pagar o alugueiro da vivenda onde reside, acumulando  5 meses de impago. O luns 14 de marzo, este colectivo presentou escrito no Concello de San Cibrao das Viñas e reuniuse co lcalde para derlle traslado en persoa da situación desta muller. "Fainos saber que xa coñecen o caso e que eles non poden facer ren. Tamén o mesmo día presentamos escrito no IGVS e temos unha xuntanza coa Delegada Territorial para expoñerlle en persoa o caso", sinala.

O mesmo día 14 pola tarde a muller decide abandoar a vivenda para non causar máis perxuizos o propietario. "Destacamos o comportamento respectuoso e comprensivo do mesmo e da súa avogada, e tamén para manter o maior anonimato posible para que non chegue a súa exparella", sinala o colectivo. As pertenzas da mudanza son almacenadas na casa dun compañeiro do colectivo e vaise a casa dunha persoa que coñece que a acolle por unha semana.

O día 15 volta a outra reunión coa Xefa de Area e coa Delegada do IGVS, acompañada por outras compañeiras do colectivo. O venres día 18, membros deste colectivo maniféstanse espontaneamente diante do IGVS e volven ter "unha bronca reunión" para expoñerlle que esa mesma tarde esta muller e o seu fillo quedaban na rúa. "En todas as ocasións no IGVS se nos da traslado da falta de recursos, e que xa están co caso, pero ningunha solución de emerxencia, a máis próxima, de habela, para dentro de un mes ou mes e medio", critica.

O día 18 pola tarde  ten que deixar a vivenda da persoa que a acolleu. "Tivo que ser o colectivo Stop-Desafiuzamentos quen, grazas a solidaridade de outra compañeira do colectivo,  procurou provisionalmente unha vivenda esta muller", engade nun comunicado.

Por iso, este colectivo celebrará este luns outra protesta ante o IGVS para denunciar e facer público un xeito de violencia que o sistema exerce contra as mulleres xa vítimas de violencia  machista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta