A banda galega Ivy Moon, rumbo a Croacia como finalista do Imagine Festival

O grupo de Compostela gañou a edición estatal deste concurso e representará a España na final internacional que se celebrará en decembro.

Por GC Tendencias | Barcelona | 21/03/2016 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

Ivy Moon, a única banda galega no Imagine Festival Spain, foi a gañadora da final estatal deste concurso musical, o que lle dá o pasaporte para representar a España na final internacional que se celebrará o próximo decembro en Croacia. Ademais, o grupo galego, de Santiago de Compostela, poderá gravar unha maqueta nun estudo profesional e fará unha xira de concertos por España.

A banda galega Ivy Moon.
A banda galega Ivy Moon.

O Imagine Festival é un concurso de música dirixido a novos artistas de entre 13 e 21 anos que acolle todos os estilos musicais e que se realiza anualmente en distintos países de varios continentes. Creado e coordinado por Jeunesses Musicales Internacional, o proxecto Imagine vén realizándose desde hai vinte anos e esta é a primeira vez que España participa neste concurso.

Ivy Moon naceu en 2014 en Santiago de Compostela. Caracterízase por un son psicodélico e unha gran forza nos escenarios. O seu primeiro gran concerto foi no Festival Brincadeira e en tan só dous anos xa fixeron máis de 30 actuacións dentro e fóra de Galicia. Ademais, xa teñen dous EP autoproducidos, “Ivy Moon”(2014) e “Preludie” (2015), cuxos temas teñen influencias de bandas como Wolf Alice, Savages ou Pixies, entre outros.

Foron ademais finalistas de varios festivais e concursos, como o EISV Music e Bdcoder en 2015 -donde foron seleccionados entre máis de 400 bandas- e gañadores do Imagine Festival (Barcelona) deste ano.

Agora, Ivy Moon ten por diante un mes de abril cheo de concertos en distintos puntos deGalicia. Cabe salientar a participación xunto coa banda manchega Fizzy Soup, que vén a Galicia para presentar os seus últimos temas e compartir escenario con Ivy Moon, que exercerán como anfitrións.

Próximas datas:

1 abril – Sala Baranda (O Barco de Valdeorras).

7 abril – Sala Moon (Santiago de Compostela) + Fizzy Soup.

9 abril – A Pousada das Ánimas (Boiro) + Fizzy Soup.

23 abril – Sala O Muíño (Cervo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta