O TS obriga a Facenda a devolver 1,2 millóns á Universidade de Santiago

A sentenza recolle os argumentos doutra semellante que xa obrigou ao Estado a pagarlle 3,1 millóns de euros á Universidade de Salamanca por deducións de material adquirido para a investigación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/03/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Facenda terá que devolverlle 1,2 millóns de euros á Universidade de Santiago do exercicio 2005 polas deducións sobre IVE dos materiais adquiridos para investigación básica, nunha sentenza que segue a liña doutra anterior relativa á Universidade de Salamanca.

Estudantes no Pazo de San Xerome, sede da USC
Estudantes no Pazo de San Xerome, sede da USC | Fonte: sostenibleycreativa.org

A sentenza considera que "non pode entenderse que a investigación básica se vincule ao ensino polo feito de que exista coincidencia en moitas ocasións entre o persoal docente e o persoal investigador". "Non se pode concluír que os resultados obtidos en materia de investigación básica que poidan utilizarse para a investigación aplicada, utilícense no sector do ensino", engade.

"Presumir, no marco lexislativo aplicable, que as adquisicións de bens e servizos inicialmente destinados ou afectos só á investigación básica, poden pola súa natureza e características estar afectos e ser utilizados nas outras actividades universitarias, en concreto no ensino, non resulta admisible", apunta o Supremo.

De feito, o alto tribunal case que repite os argumentos doutra sentenza de febreiro que condenou á Axencia Tributaria a devolver á Universidade de Salamanca un total de 3,1 millóns de euros polas deducións sobre o IVE dos materiais adquiridos para os proxectos de investigación básica entre os anos 2002 e 2004. Facenda vinculaba a investigación básica co ensino -que non ten dedución de IVE- e separábaa da investigación aplicada -que si o ten-.

Aquela sentenza estableceu uns argumentos que se repiten agora para a Universidade de Santiago, á que xa dera a razón a Audiencia Nacional nun fallo que confirmou agora o Supremo, que rexeita o recurso do avogado do Estado. A cuestión a dirimir era se os bens adquiridos para a investigación básica son ou non os mesmos que os usados no ensino e teñen ou non dereito por iso a deducións propias do IVE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta