Por Galicia Confidencial | Lugo | 22/03/2016 | Actualizada ás 13:31
As investigacións xudiciais da xuíza Pilar de Lara ao xa ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, camiñan xa cara un enfrontamento xudicial entre os dous tras a denuncia do político socialista contra a maxistrada por un delito de prevaricación xudicial.
Besteiro, que está imputado por dez delitos pola xuíza de Lara no chamado caso Garañón e na Operación Pulpo, di sentirse "vexado" por "un estado das cousas que resulta do todo esperpéntico".
O avogado de Besteiro, Sánchez-Beira aprecia, na súa última imputación na Operación Pulpo, unha "resolución inxusta" probablemente coa finalidade de "obter unha repercusión mediática" porque o auto, subscribe, foi "filtrado inmediatamente á prensa" coa vontade de "vexalo (a Besteiro) nunha sorte de castigo anticipado".
Neste caso, de Lara trata de esclarecer se na Deputación de Lugo, que Besteiro presidiu desde o ano 2007 ao 2015, xestiou fondos de maneira irregular e, neste sentido, se se sufragaron viaxes á India, a Eurodisney e un cruceiro polo Rhin, os cales, segundo informa a representación legal de Gómez Besteiro, corresponden á etapa do falecido Francisco Cacharro (PP) á fronte do ente provincial, que é anterior.
Así, critica que a xuíza coñecía as datas deses desprazamentos e que polo tanto é "inxusta" a imputación, o que se demostrará coas "explicacións que se lle darán e que ela sabe inevitables, pero o enorme dano mediático e reputacional xa foi logrado".
"Resulta todo esperpéntico eses caudais públicos para viaxes suntuarios, dos que a xuíza ocultou no seu auto coidadosamente as datas, pero non así os importes", recolle a sentenza. "Provocaron gran escándalo e alarma social e de Lara ocultou tan coidadosa como dolosamente a data das facturas para que non se descubrise que a súa imputación era falsa", engade.
Por iso, denuncia á xuíz por prevaricación xudicial, recollido no artigo 446 do Código Penal, que fixa que calquera xuíz ou maxistrado que, a propósito, ditase sentenza ou resolución inxusta, pode ser castigado coa pena de multa de 12 a 24 meses e inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un tempo de 10 a 20 anos cando ditase unha sentenza ou resolución inxusta.
"É algo moi serio e máis sabendo que se trata dunha persoa pública -Gómez Besteiro- e que iso ía ter unha forte repercusión. De Lara coñecía perfectamente tanto as datas das viaxes como que entón o afectado non presidía a Deputación de Lugo", manifesta Sánchez-Beira.
Así mesmo, asegura que "nunca antes na historia xudicial desde a nosa Constitución se produciu un caso semellante en Galicia" e fai fincapé na "teimosía" desta maxistrada en "crer que calquera actividade política é 'per se' corrupta", algo que a levou a ditar noutras moitas ocasións anteriores resolucións obxectivamente inxustas".
Neste sentido, critica que de Lara "imputa por todas as partes a políticos, empresarios e outros en instrucións habitualmente secretas e case sempre interminables", feito que "non é o que poderiamos dicir normal nun xuíz de instrución".
"Se o obxectivo era un titular de prensa, pertence ao arcano da súa conciencia", afirma, e incide na "anormalidade democrática e xudicial" que, á súa entender, supón que un determinado xulgado, unhas veces por uns motivos e outras, por outros, "dá igual", teña presenza continua nos medios de comunicación, fronte ao labor eficaz e calado doutros moitos "que traballan moito e moi ben nas causas que lle son asignadas por rigorosa orde de repartición sen extralimitacións de clase algunha".
A xuíza pide documentación á Deputación de Lugo
Por outra banda, axentes de Policía, da Unidade de Delitos Económicos e Financeiros (UNEF), voltaron este martes á Deputación Provincial de Lugo para notificar á institución a documentación que debe entregar ao Xulgado de Instrución Número 1, que dirixe Pilar de Lara, no marco da denominada Operación Pulpo.
A instrutora pide que se certifique a identidade e os postos de traballo de todo o persoal que prestase servizo na unidade do programa KM0, "especificando o período temporal", as "funcións" de cada traballador e a "forma de acceso aos postos". Tamén pide que se especifique "quen foron" os "superiores xerárquicos" deses traballadores.
Reclama, ademais, que o secretario e o interventor da institución acheguen un "informe detallado" no que se certifique de forma individualizada todas as cantidades investidas, ingresos e gastos realizados con relación ao programa Lugo Ou2", financiado con fondos europeos, así como "as normas" nas que "conste a inclusión" do KM0 en "o citado proxecto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.