Así poden impactar as amezas de Trump en Galicia: sectores afectados, guerra comercial e a sombra de China

O Foro Económico avisa de que se hai unha "escalada" entre Estados Unidos e UE: "Imos saír todos prexudicados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Foro Económico observa un "alcance limitado" para Galicia polos aranceis que impulsa o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, ao supor "apenas un 2,7%" das exportacións da comunidade. No entanto, avisa "dun impacto indirecto" que pasa por que China se envorque noutros mercados de maior interese galego polas dificultades de entrada do país asiático en EE.UU., unido ao risco de inflación nunha escalada de guerra comercial.

Nunha entrevista con Europa Press, José Manuel Sánchez Santos, membro do Foro Económico e doutor en Economía pola Universidade da Coruña, explica que se debe "dimensionar na súa xusta medida" o impacto para Galicia do mercado estadounidense, "sen alarmismos". Destaca que EE.UU. non está entre os dez principais destinos das vendas ao exterior --que concentran case o 75% do total--, pois tan só representa de forma agregada o 2,7%.

Con todo, recoñece que "hai sectores que están especialmente preocupados", xa que o anuncio de aranceis do 25% no aceiro e aluminio "xera inquietude e incerteza". "Pero aquí eu tampouco sería demasiado alarmista, no sentido de que o peso nas exportacións aos Estados Unidos destes sectores tampouco é moi elevado, en torno ao 5%". Segundo datos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) facilitados a Europa Press, as empresas galegas exportaron aceiro e aluminio por 42,5 millóns de euros a Estados Unidos en 2023. Nese exercicio foron 64 compañías con vendas, unha cifra que ascende a 83 entre xaneiro e novembro de 2024, aínda con datos sen pechar.

Iso si, no sector metalúrxico refírese ao impacto nos produtos como compoñentes e aparellos eléctricos para o automóbil e o naval, "que aí si que teñen un peso importante nas exportacións a EE.UU. e si que se poderían ver afectados".

AUTOMOCIÓN E OUTROS SECTORES

Tamén remarca que "hai outros sectores que están moi pendentes dos acontecementos" polo seu "maior nivel de exposición". Refírese a "todo o que ten que ver coas manufacturas de pedra, granito e produtos cerámicos, porque aí si que se estaría falando dun 20%". Ademais, cita produtos vinculados ao sector agroalimentario, "como pode ser o caso do viño, as conservas, mariscos". "Isto si que supón unha porcentaxe significativa das exportacións a Estados Unidos e, seguramente, non apartarán a vista do que sucede".

Lembra que os dous grandes sectores das exportacións galegas son o téxtil e a automoción, aínda que "o mercado estadounidense non é moi relevante para eles". "No caso da automoción faría un inciso, e é que si se poden ver afectadas industrias ou empresas de sectores que fabrican equipamentos para o automóbil", algo que ocorre "tamén para o naval", sobre os cales "está aí a espada de Damocles da subida dos aranceis" e poderían verse afectados "significativamente". Deixa claro que "isto pode entorpecer o crecemento" para aquelas "empresas puntuais que estaban a apostar por crecer no mercado estadounidense".

O FACTOR CHINA

José Manuel Sánchez chama a atención sobre "un matiz do que se fala pouco, pero que probablemente habería que ter en conta". Máis aló do impacto directo "limitado", "pode haber un impacto indirecto" debido ao desembarco de China en mercados de maior interese para Galicia.

"Está aí o caso de China, que é un gran exportador deste tipo de produtos de aluminio e de aceiro, e que si que vai ter dificultades para seguir exportando aos Estados Unidos. Isto pode traer consigo o feito de que China desvíe parte do seu comercio cara a outros mercados nos que si podía entrar en competencia coas exportacións galegas", avisa. Por iso, avisa de "a posibilidade de que aparezan repercusións por outras vías".

DENTES DE SIERRA NAS VENDAS A EE.UU.

A patronal galega lembra que as exportacións a Estados Unidos caeron un 30% no anterior mandato de Trump, aínda que Sánchez Santos explica que "cando se fala de caídas porcentuais as cifras poden, en principio, intimidar", pero agrega que "en termos de valor das exportacións o peso que supoñen é relativamente reducido". "A subida dos aranceis tradúcese nunha caída porcentual moi importante, pero porque o importe non é moi elevado", razoa.

GUERRA COMERCIAL E INFLACIÓN

"Sen dúbida se se entra nunha escalada deste tipo, pois imos saír todos prexudicados", avisa este experto sobre unha guerra comercial. No entanto, di ser "optimista". "Estados Unidos está a xogar as súas bazas e eu confío en que a Unión Europea tamén xogue as súas en termos negociadores", apostila.

"Eu non descartaría a posibilidade de que esta alarma inicial que se está xerando non se acabe concretando en medidas tan drásticas", opina. Pero o feito de que se desencadee unha guerra comercial "si que tería un impacto moi significativo a todos os niveis".

REPERCUTIRÁ NO CRECEMENTO?

Cuestionado sobre se todo estas circunstancias poden acabar afectando o Produto Interior Bruto (PIB) á alza de Galicia, este catedrático que forma parte do Foro Económico admite que "calquera tipo de barreira que dificulte o comercio internacional acabará tendo unha tradución en termos de crecemento".

Elon Musk e Donald Trump
Elon Musk e Donald Trump | Fonte: youtube

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta