Por Galicia Confidencial | Sada | 30/03/2016 | Actualizada ás 17:00
Sada podería ser declarada zona catastrófica por unhas graves inundacións que provocaron este mércores que multitude de veciños tiveran que abandonar as súas vivendas en barcas ou canoas coa axuda da Garda Civil, 061 ou de Protección Civil.
De feito, tres lanchas de rescate están a traballar arreo para atender aos veciños que aínda seguen nas súas vivendas, e varios reforzos tiveron que ser enviados á localidade pola gravidade da situación.
A metade das súas rúas están cortadas ao tráfico. Desde a dirección do instituto Isaac Díaz Pardo decidiron suspender as clases ante as dificultades para saír á rúa. E o temor dos veciños vai en aumento ante a posibilidade que a situación empeore coa suba da marea, prevista para a tarde deste mércores.
"Son unhas inundacións nunca lembradas antes, a choiva coincidiu coa marea chea e os dous ríos que hai non deron abasto", explicou o alcalde de Sada, que avanzou que mañá no pleno municipal proporase a solicitude de declaración de zona catastrófica.
O norte de Galicia sufriu este mércores precipitacións moi intensas. Tamén, case toda a provincia de Ourense e a Montaña de Lugo estarán en alerta amerela por neve polo menos até mañá. Ademais, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa por choiva que está a afectar á provincia da Coruña.
Moitos veciños gravaron estas instantáneas colgadas en Youtube:
E outros decidiron colgar varias fotos en Facebook:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.