A Xunta promete unha materia nas clases de promoción da igualdade de xénero

O PSOE di que o Goberno “meteu no armario” a Lei de igualdade de trato e non discriminación de LGTBI.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 31/03/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Xunta dixo que porá en marcha unha nova materia de libre configuración para a promoción da igualdade de xénero. Segundo declarou onte no Parlamento Alfonso Rueda, o Goberno galego tamén está a estudar a implantación dun ciclo formativo de FP superior que afonde neste obxectivo.

Bandeira LGBT
Bandeira LGBT | Fonte: Ludovic Bertron Wikipedia

Durante a súa intervención, o vicepresidente da Xunta subliñou que "o respecto á diversidade sexual e de identidades de xénero dende a escola resulta fundamental". 

A Xunta presume que dende o curso 2014-2015 en Galicia están adaptados os currículos do ámbito nacional e autonómico para que o alumnado galego reciba unha adecuada formación en valores. Trátase dos currículos de primaria, FB básica, ESO e bacharelato. Neles explicítase a necesidade de evitar os comportamentos sexistas e os estereotipos que supoñan discriminación por razón da identidade sexual ou de xénero, así como de favorecer a visibilidade da realidade LGTBI.

O político anunciou a convocatoria antes de rematar este ano dunha orde de axudas e subvencións para asociacións do colectivo LGTBI.

 

Interpelación do PSdeG

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta | Fonte: xunta.es

Trátase de medidas insuficentes para o principal partido da oposición. A portavoz de Políticas Sociais e LGTBI do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou  á Xunta de “meter a Lei de Visibilidade e non Discriminación das persoas LGTBI no armario”. Así o dixo no debate dunha Interpelación na que acusou ao Executivo autonómico de ter feito “nada, en ningures, de ningún xeito” para desenvolver a norma.

 

A deputada socialista preguntoulle ao PP “para que apoiaron a Lei cando manifestan que queren incumprila” logo de 2 anos da súa aprobación nos que demostraron, dixo, que “o Goberno non a interiorizou, non a consideraron nin importante nin prioritaria”. Acusounos de tela apoiado “porque esteticamente quedaba ben, pero aí quedou todo”, nun “xesto inicial que creou expectativas e esperanzas que hoxe volveron a frustrarse”.

 

Lamentou que a Xunta teña renunciado a cumprir a norma, xa que “non só non asumiu o que di o texto legal, senón que a súa práctica cotiá o contradí”. Sinalou ás campañas publicitarias cun só modelo de familia, falla de referentes da diversidade nos medios de comunicación, a armarización das persoas maiores ou das persoas con discapacidade cando entran no circuíto da atención dos servizos sociais.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta