Unha tese conclúe que La Voz fomenta a desinformación sobre o independentismo galego

A investigadora Helena Domínguez García pon o xornal coruñés e o ABC como exemplos de intoxicación mediática e de altofalantes da propaganda do Goberno sobre o fenómeno de Resistencia Galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 01/04/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

'A construción mediática do conflito político en Galicia: o tratamento de Resistencia Galega na prensa' é unha tese doutoral defendida recentemente por Helena Domínguez García na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Un traballo de investigación cuxas conclusións son moi críticas e duras co papel que os medios dominantes xogan na construción da información sobre o independentismo galego, e aos que Domínguez, baseándose nos resultados obtidos na súa análise, acusa de ser aparatos de propaganda ao servizo do Goberno central.

Concentración en Compostela en solidariedade cos mozos acusados de pertencer a Resistencia Galega
Concentración en Compostela en solidariedade cos mozos acusados de pertencer a Resistencia Galega | Fonte: Ceivar.org

A investigación analiza a construción mediática do conflito político en Galicia, tomando como unidade de análise o tratamento que realizou a prensa do fenómeno Resistencia Galega no período 2005-2014. Partindo dun enfoque crítico e mediante a aplicación de diversas técnicas de análise textual e a realización de entrevistas en profundidade, Domínguez investigou o rol que desempeñaron os medios no conflito, é dicir, a maneira en que lle deron voz e visibilidade a identidades e intereses en competencia, e as influencias que exerceu o poder político neste proceso. Para iso, seleccionou tres cabeceiras que representan distintas posicións ideolóxicas e que pertencen, ao mesmo tempo, a esferas mediáticas diferenciadas, a dos medios dominantes e a dos alternativos. Trátase dos diarios La Voz de Galicia, ABC e o xornal mensual Novas da Galiza.

Nas súas conclusións, a autora da tese salienta que se comprobou con evidencias empíricas que "a prensa de Galicia estivo fortemente condicionada" polas "fontes de poder e a ideoloxía" no tratamento do fenómeno do independentismo galego. Así, Domínguez expón que o uso de fontes gobernamentais elévase ao 56% en La Voz e ao 50% no diario ABC. Pola contra, as voces dos colectivos independentistas só representan o 4% en La Voz e o 8% no ABC.

Estes datos levan á autora a subliñar que "a representación do fenómeno de Resistencia Galega está fortemente influenciada polo que din e fan o Goberno central e mais as forzas de seguridade, mentres que a outra parte do conflito, representada polo movemento independentista, apenas ten voz no relato". E desta constatación afirma que "a prensa dominante reproduciu o discurso oficial do poder".

Nas conclusión do seu traballo, a investigadora subliña que "os medios contribuíron a darlle visibilidade a unha campaña propagandística que serviu tanto ao goberno da Xunta como ao central". Ademais, en base a análise dos artigos de opinión publicados, comprobouse que "a prensa desempeñou dende as súas páxinas de opinión un rol activo na desactivación de visións do conflito alternativas á difundida polo poder, como quedou reflectido na abondosa cantidade de artigos que se dedicaron a corrixir e criticar as declaracións do político nacionalista Xosé Manuel Beiras sobre Resistencia Galega".

Presentación do manifesto en solidariedade cos condenados por pertenza a Resistencia Galega no Pichel, en Santiago
Presentación do manifesto en solidariedade cos condenados por pertenza a Resistencia Galega no Pichel, en Santiago | Fonte: ceivar.org

Domínguez constatou que "a de AGE foi a única voz que se colou nos titulares das principais cabeceiras galegas cun discurso diferente e claro sobre as causas e o alcance real da violencia política en Galicia, mais tivo que pagar o prezo do escarnio".

A investigadora tamén salienta que "tanto os columnistas de La Voz de Galicia como os do ABC comezaron a tratar os activistas e a violencia política como ‘terroristas’ e ‘terrorismo’ respectivamente, un lustro antes de que un tribunal ditaminase que Resistencia Galega era unha organización terrorista incipiente".

Na súa análise teórica, Helena Domínguez argúe que "o terrorismo é un concepto moi connotado que adoita ser obxecto de manipulacións".

"Aos Estados, o feito de etiquetar de ‘terrorismo’ as actividades de certo grupos opositores sérvelles, en concreto, para tres propósitos: para deslexitimalos ante a poboación, para baleiralos de contido político e para xustificar un castigo severo", describe.

Dende esta premisa, e cos resultados do seu estudo na man, conclúe que o feito de que "a prensa fixera un uso temperán e frecuente da semántica do terrorismo serviu de vangarda das fortes medidas de represión que acabaría despregando o goberno sobre o movemento" independentista galego.

Os datos da tese reflicten que a definición do grupo Resistencia Galega que fixeron os xornais "foi maioritariamente política, cunha porcentaxe do 56% e do 72% para La Voz de Galicia e o ABC, respectivamente".

A investigadora tamén destaca o feito de que "a prensa presentase como terroristas ou membros de Resistencia Galega a persoas que non tiñan relación co fenómeno nos indica a súa conivencia coa política antiterrorista, baseada na ideoloxía do mal menor".  

Pero "se ben é certo que a prensa dominante participou activamente na difusión da propaganda antiterrorista do Estado, isto non implica necesariamente un apoio ao goberno, que está condicionado ás afinidades ideolóxicas", matiza a autora, que identifica un uso instrumental da violencia no diario ABC para atacar aos gobernos autonómico e central durante a etapa de mandato das forzas socialistas.

O papel da prensa alternativa

Na súa tese doutoral, Helena Domínguez tamén destaca o papel que xogou a prensa alternativa contradicindo o discurso oficial e ofrecendo a versión dos colectivos independentistas, silenciados na prensa dominante.

"A análise das fontes mencionadas nas noticias do Novas da Galiza amosou que as voces do independentismo representan a principal fonte de información, cunha porcentaxe do 28% sobre a totalidade", expón a investigadora.

Ademais, "o Novas da Galiza fixo emerxer o discurso oculto do conflito político, ao poñer ao descuberto os vínculos dos xornalistas coas instancias do poder e ao revelar as contradicións e manipulacións do discurso oficial, tal e como se desprendeu da análise dos seus artigos de opinión sobre o rol dos medios". Este labor foi posible, segundo Domínguez, pola "ausencia no xornal de relacións de dependencia co goberno".

A revisión dos textos xornalísticos relacionados con Resistencia Galega durante os seus nove anos de traxectoria amosou que o punto álxido na atención mediática produciuse no ano 2013, coincidindo co primeiro gran xuízo contra o movemento, para logo caer bruscamente. Con todo, Domínguez conclúe que "o proceso xudicial foi só unha escusa para que os distintos actores políticos fixesen valer os seus intereses de grupo, con declaracións cruzadas e acusacións que alimentaron titulares".

No caso de ABC, "foron os seu intereses políticos, aliñados cun determinado partido, os que propiciaron que introducise a sombra de Resistencia Galega en diversos conflitos nos que non tivo participación, como ocorreu co boicot á política María San Gil na Universidade de Santiago ou coa marcha da dignidade de Madrid", explica a autora.

Pola súa parte, "La Voz de Galicia tamén seguiu os seus propios intereses empresariais no tratamento que outorgou á sabotaxe rexistrada na contorna da vivenda dun dos seus columnistas emblemáticos, Roberto Blanco Valdés. A cabeceira converteu o incidente nunha gran campaña de autopromoción e mobilizou todas as súas plumas, incluída a do editor", lembra Domínguez.

Desinformación

Segundo Helena Domínguez, "o tratamento mediático que recibiu Resistencia Galega foi herdeiro das tendencias xornalísticas que se conformaron durante máis de corenta anos de cobertura do conflito vasco", e que se traduciron en "mecanismos de desinformación", entre os que destaca tres principais: "a falta de respecto á presunción de inocencia, as atribucións erróneas de accións terroristas e a falta de rigor nos datos publicados".

Así, na súa tese recolleu varios casos de diferentes persoas que "foron acusadas falsamente de pertencer a Resistencia Galega e sometidas a un proceso de intoxicación mediática, sen que mediase un proceso de rectificación unha vez clarificados os feitos".

"Algúns colectivos sociais que se sentiron prexudicados polas representacións mediáticas presentaron queixas ante os medios e lograron que se corrixisen algúns datos erróneos facilitados nas noticias, como aconteceu co comunicado que a Fundación Artabria remitiu a La Voz de Galicia. Con todo, o desmentido foi publicado nun espazo moito máis discreto que o que ocupou o discurso desinformador e sen que o medio asumise ningunha responsabilidade", denuncia a investigadora.

Para Domínguez, unha razón que explica o alto grao de incorrección dos textos xornalísticos sobre Resistencia Galega é a "relación de complicidade que manteñen certos xornalistas coas instancias gobernamentais e policiais", o cal se traduce "na publicación de filtracións baseadas en especulacións cuxa orixe se oculta baixo fórmulas de atribución reservada –a fonte cunha maior porcentaxe de uso en La Voz de Galicia e a terceira, no ABC- e na reprodución acrítica de notas de prensa de contido propagandístico, que se elevan á condición de noticias sen o obrigado proceso de contraste de fontes", explica.

Doutra banda, argúe que "a consideración do fenómeno de Resistencia Galega como unha expresión de terrorismo tamén condicionou doutra maneira relevante a cobertura mediática: arredou a posibilidade dun achegamento comprensivo ao fenómeno, é dicir, aquel que buscase entender máis ca xulgar".

A investigadora observou que "nalgúns casos, se produciu unha distorsión do conflito mediante estratexias de polarización, que presentaron os activistas dunha forma simplificada e sen matices como representantes da Galicia sinistra fronte á Galicia do «marisco, playas y costas increibles»".

Criminalización do nacionalismo galego

O fenómeno de Resistencia Galega foi, para Domínguez, claramente "instrumentalizado polo Partido Popular para atacar as expresións democráticas do nacionalismo galego, representadas por AGE e o BNG". A isto contribuíron os articulistas da prensa dominante, que "recorreron a estratexias de extensión do terrorismo para contaminar expresións sociais e políticas antagónicas ás do seu grupo". "Esta práctica rexistrou unha presenza do 25% sobre o total de artigos de opinión de La Voz de Galicia e dun 41% no ABC", aporta a autora.

Por último, "baixo o discurso da loita contra o terrorismo latexaron visións enfrontadas sobre a identidade colectiva dos galegos e emerxeron estereotipos ancorados en modelos colonias de dominación", defende a investigadora, quen substenta estas afirmacións cos resultados que obtivo tras analizar a estereotipia galega reproducida nos artigos de opinión, unha práctica que detectou tanto en La Voz de Galicia (27,9%) como no ABC (23,5%). "A prensa reproduciu o estereotipo dunha Galicia pacífica sen conflitos que veu a ser perturbada por Resistencia Galega e, de xeito contraditorio, estableceu unha asociación perversa entre o uso da lingua galega e a violencia política", finaliza Helena Domínguez. 

Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional
Acusados de seren membros de Resistencia Galega no xuízo na Audiencia Nacional | Fonte: TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

5 paila

E a isto chámanlle investigación científica! Mi madriña! Qué mal estades! Qué empanada mental máis grande tedes! . Bo fin de semana gudaris..

4 EnElDíaDeHoy

Mimá, como se poñen as cabeciñas ¿a autora é aséptica, non é filonacionalista nin menos nacionalista ou independentista, verdade? Feliz Día da Vitoria, rapaces.

1 Hermerico

obrigado Bieito (Rubido)

2 EnElDíaDeHoy

¿Na túa casa que houbo tarta ou pastéis? E non son Bieito (Rubido), gran periodista que nunca pensei que se moderara tanto. Lembro cando él traballaba en A-3 de Radio na Coruña que houbo unha volta ciclista e xunto ao Obelisco. Oín a súa voz que recoñecín de inmediato. O que me tubou foi escoitarlle unha horrible blasfemia que lembro malia escoitala sendo un cativo. Espero que foras tan feliz coma min este Día.

3 familiar

Pódese estar de acordo ou non en que Resistencia Galega sexa considarado grupo terrorista. O que é imperdonable é o tratamento que fixo La Voz con algunhas persoas que foron acusadas de pertenza a tal grupo, antes de ser interrogadas por ningún xuíz. Foron levados a Madrid e tratados de maneira inhumana. Despois demostrouse a súa total inocencia, mais a Voz depois de facer un dano irreparable a esas persoas e as súas familias, ainda non se desculpou.

2 Daniel

Aínda que algunha das hipóteses plantexadas son interesantes (caso do uso da palabra terrorismo con finalidades políticas) eu non acredito demasiado en estudos que conclúen claramente que uns son completamente malos e outros completamente bos. Por exemplo, valorous a autora a posibilidade de que o tratamento dado a Resistencia Galega por parte de Novas da Galiza tivese que ver coa "relación de complicidade" que mantén ese xornal cos propios movementos independentistas coma fai co ABC e La Voz?

1 cero en comprensión lectora

Menudo iluminado tas feito, nivelón o deste blog... puaghhhhhh!

2 JimmyJazz

Daniel, ler é bo, comprender é millor. A autora non fixo un artigo de opinión, senón un estudo cunhas conclusións. Non sei para que dis iso de 'bos e malos' (imaxino a causa pero tp che quero faltar o respecto, q non te coñezo). Volve ler a nova, mira os datos OBXECTIVOS da tese (o número de fontes é chave para entnder a manipulación: as novas dos mass media veñen redactadas prácticamente pola policía).

3 Juas

O dos datos OBXECTIVOS é como as comisións de espertos, que son marionetas do partido. A obxectividade non existe desde o momento que se elixen unhas variables a analisar, e se deixan outras.

4 Daniel

@Jimmy Jazz Por se non me espresei ben anteriormente. A minha impresión despois de ler o artigo é que a análise sobre o tratamento de Resistencia Galega nos medios que fixo Helena Dominguez parece presentar moitas deficiencias desde o punto de vista metodolóxico. Como tese doutoral (i.e. un estudo pretendidamente científico), a priori non me parece de moita calidade. O normal nun estudo deste estilo debera ser que logo da análise algunhas das hipóteses de partida sa investigadora se confirmasen mentras ca outras fosen refutadas. Neste caso dá a impresión que todas as consideracións de partida foron confirmadas e iso é sospeitoso. Máis cando esas hipóteses de partida parecen corresponder coa vision ideolóxica da investigadora.

5 Hermerco

"Neste caso dá a impresión que todas as consideracións de partida foron confirmadas e iso é sospeitoso. Máis cando esas hipóteses de partida parecen corresponder coa vision ideolóxica da investigadora." opiniom tendenciosa, suposiçom infundada, tentativa de desacreditar a voz discordante com o regime, manipulaçom com pretensom de "neutradidade", reforçamento do discurso oficial

1 Maliza Gilinge

Imposíbel. Non pode ser. La Voz sendo o eco do nacionalismo PPgallo? Ridículo.

1 Hermerico

"Neste caso dá a impresión que todas as consideracións de partida foron confirmadas e iso é sospeitoso. Máis cando esas hipóteses de partida parecen corresponder coa vision ideolóxica da investigadora." opiniom tendenciosa, suposiçom infundada, tentativa de desacreditar a voz discordante com o regime, manipulaçom com pretensom de "neutradidade", reforçamento do discurso oficial