Feijoo e o Rei Espido

Santiago, un de Abril. Hotel AC Palacio del Carmen. O mesmo sitio onde Manuel Fraga o nomeara candidato á Xunta de Galicia por primeira vez. Alberto Núñez Feijoo, avanza decidido cara o púlpito, coreado polos membros da xunta directiva do PPdeG, para pronunciar, entre bágoas, “sempre que tiven a oportunidade de elixir na miña vida, elixín Galicia”.

Por Iván Vaqueiro | O Porriño | 05/04/2016

Comparte esta noticia

Mentres a oposición esfolla a margarida dos seus liderados, Feijoo proclamaba a todo trapo que “Galicia está por riba de todo”, ante a mirada atónita de milleiros de galegos e galegas por quen acaba de rexeitar importantes ofertas de Inditex ou o Santander porque “ante Galicia, calquera outra posibilidade fase minúscula”. Así rezaban os diarios do réxime, cando menos os que sempre estiveron ben regados de euros, os que sempre resultaron afectos ao seu liderado. O Grupo Voz sumou estes días ata 7.266.864 euros en pagamentos da Xunta dende que goberna Alberto Núñez Feijoo, publicidade á marxe. Lonxe quedan as súas fotos con Marcial Dorado, os escándalos da Consellería de Traballo ou as vergoñentas mentiras ao sector naval galego. Non sorprenden as análises e os enfoques a prol do seu goberno. Nin a campaña de acoso e derribo que fixeron contra a Xunta bipartita, entre Audis e eólicas, sen parangón en España e que foi abondo remunerada polo propio Feijoo.

Pero Galicia nunca estivo por riba de todo. De  feito, a súa primeira tarefa foi de facto finiquitar os restos do denominado “sector da boina” no PPdeG, aquel que teoricamente,  defendía as teses máis próximas a unha identificación con Galicia. En realidade, a Xunta de Galicia simplemente albergaba as esperanzas de Feijoo para dar o salto á carreira estatal. Se os tempos políticos estatais non acompañan, nada mellor de gañar as eleccións en Galicia para convencer aos críticos do seu partido da súa valía. Gañar en Galicia, para presentar unha carta de servizos de éxito en Madrid. Porque pouco ou nada lle importaba nesa misión a Feijoo Galicia.

Galicia nunca estivo por riba de todo cando varias comunidades autónomas iniciaron o proceso de reforma e actualización do seu Estatuto de Autonomía, Feijoo bloqueouno condenando a Galicia a unha nova “aldraxe interna” negando ao pobo galego e ao Parlamento o protagonismo político dos destinos e futuro de Galicia. Cando a potencia eólica galega esvaeceuse por tombar como fose un proceso de adxudicación que máis alá da opinión sobre o mesmo, estes días, a xustiza non só validaba legalmente, senón que obrigaba a importantes reparacións aos adxudicatarios da mesma. Cando milleiros de mozos e mozas marchaban de Galicia polas xa innegablemente demostrables malas políticas industriais da Xunta de Galicia que obrigou tamén a emigrar a empresas e emprendedores, cun IGAPE na UVI técnica, e cun Conselleiro de Industria que só ten un dron ao que aferrarse. Cando se malvendían a Caixa de aforros de todos os galegos e galegas ao capital estranxeiro. Cando se privatizaba a xestión da sanidade pública coma no Hospital Álvaro Cunqueiro. Cando o sector lácteo galego se atopa totalmente desartellado, a pesca ameazada e o sector autónomo afogado. Ou cando cabalgaba cos xinetes do apocalipse lingüístico de Galicia Bilingüe en cruzada fronte o intento de “talibanización” dos nenos e nenas galegos por parte dun bipartito que apostaba por falarlles, no 50% das materias curriculares, en galego. Entón, Galicia nunca estivo por riba de todo, só a estratexia.
Feijoo aposta por un terceiro mandato, cunha presidencia que pouco ou nada vai deixar de herdanza a Galicia. Nin en materia de autogoberno, nin en materia económica, social ou cultural, pero sabedor da situación de debilidade da actual oposición, que terá pouco tempo para artellar unha alternativa seria e convincente. PSdeG, Mareas e BNG se atopan nun intre de exploración política ao que contribúe tamén a situación de incerteza estatal sobre o futuro do goberno de España.

Principalmente o PSdeG, que ten a urxencia histórica de atoparse a sí mesmo, tras a marcha de Gómez Besteiro, e a dun proxecto amplo e plural que supere o proceso de ensimesmamento ao que se someteu dende a derrota de Emilio Pérez Touriño. 

As organizacións políticas como todas as organizacións están formadas non só por individuos, senón por un conxunto de elementos onde o factor humano vai acompañado pola historia e valores da mesma e as relacións formais e informais. A apelación por tanto a estas dúas esferas ven diferenciadas entre a historia e a cultura das organizacións ten un altísimo valor non só para os politólogos, senón que tamén o debe ter para a organización. Fai xa uns anos que o profesor Fernando Jiménez Sánchez, na obra colectiva “Os partidos políticos en Galicia”, defendía a tese de que o principal problema do PSdeG era a debilidade dos liderados autonómicos fronte aos poderes locais. Claro que daquela a figura de Francisco Vázquez era a dun peso político case decisivo. Hoxe o PSdeG ten unha maior poliarquía interna, pero existen sen dúbida poderes locais e baronías de forte influencia, non en van, Pachi Vázquez e o propio Besteiro eran “baróns” provinciais. A consolidación por tanto dun proxecto claro para Galicia para o PSdeG seguindo a tese do profesor Jiménez, sería a de chegar á conclusión de que a territorialización da “potestas” non é máis que un xogo de suma cero para o proxecto a nivel galego. Unha especie de holismo político á inversa, que afirmaría que “a suma de territorios ou comarcas” son máis importantes que o todo entendido como Galicia. Baixo este principio, a representación orgánica ou territorial permitiría demandar un “anaco do pastel”, ou de acordo con Alberto Ronchey , xornalista , escritor e comentarista italiano, poderiamos enmarcar esta conduta baixo o concepto “lotizzazione”.

O termo “lotizzazione” foi utilizado por Ronchey por primeira vez en 1974 no libro Accadde in Italia: 1968-1973, e utilízase na xerga política para referirse á división acordada dos postos de dirección entre as diferentes faccións dun partido político en función da súa forza ou territorios. En ciencia política, principalmente seguindo a obra de Max Weber e a súa xa clásica formulación da lexitimidade e o funcionamento das organizacións, esta conduta sería identificada como un vicio organizativo na medida en que a atribución dos cargos por medio unicamente desta relación de "subdivisión territorial" sería ignorar a boa administración e o mérito. Non se elixe, noutras palabras, ao executivo máis capaz, senón ao que domina un espazo ou territorio, que quere "un lugar", como se condottieros da Italia de Maquiavelo se tratasen. O exemplo máis claro desta conduta reflíctese na elección de postos institucionais e no resultado efectivo deses nomeamentos na evolución das organizacións, neste caso, electorais, que soen ser sempre negativos.

Se ollamos cara a historia do PSdeG vemos que precisamente cando existiu un proxecto claro en chave galega como os representados por Fernando González Laxe ou Emilio Pérez Touriño, a sociedade “premiou” a esta organización con subidas electorais. Por tanto, a identificación da organización cun proxecto compartido e claramente identificable parece ser un dos elementos de éxito nunha organización, por riba do factor humano. Como colofón lóxico deste argumento, está o da efectividade dos equipos. O de eliminar a “obriga” de repartir os postos institucionais por territorios e se aposta por un equilibrio entre o mérito e o territorio, xurdirán equipas máis potentes. Este feito ten como mellor exemplo a candidatura “galeguista” que incorporou figuras independentes de sobrado prestixio social nas candidaturas socialistas galegas, con figuras como Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde ou Benxamín Casal.

Os tempos de crise son tempos tamén de oportunidade. Esta afirmación é válida para o enfoque case que clausewitziano dun Feijoo que aspira a explotar as debilidades do contrario, como para un PSdeG que pilota Pilar Cancela, que pode ter neste proceso de procura da súa identidade, a oportunidade de outorgar o seu liderado a un equipo novo non só con “potestas” territorial, senón tamén coa “autorictas” que lle outorgue a credibilidade dun proxecto propio, a dun nidio proxecto galeguista, europeísta e de esquerdas. Non en van o PSdeG goberna en 3 das catro Deputacións e en varias das principais cidades galegas, feito que comparte coas Mareas, e ten forza de seu para encabezar unha alternativa real ao PPdeG.

Alberto Núñez Feijoo cabalga xa por campos electorais a lombos dos aplausos entusiastas dos seus seguidores e dunha pretendida boa xestión, que non esconde máis que paro, deterioro dos servizos públicos, fuxida de empresas e contención do déficit público a costa de estrangular a economía do país. Un exercicio de auténtica evanxelización neoliberal de recortes e seguimento inquebrantable das teses de Rodrigo Rato e do desmantelamento do estado de benestar. No fondo Feijoo, lembra un pouco a aquel Jose Quiroga, ou “Pepiño o de Petín”, aquel home de Franqueira que pilotou a preautonomía galega en substitución do defenestrado Rosón, que tan ben definiron Manolo Rivas e Xosé Garciño na súa obra Informe dunha Frustración, que non só era dócil co aparato, senón que era entusiasta do mesmo, e que fronte a aldraxe do estatuto que a UCD quería impoñer a Galicia, el só facía repetir “Este estatuto va a ser muy bueno, este estatuto va a ser muy bueno,....”.

Só fai falla que alguén diga en alto o que moitos ven. Que o Rei está espido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro