Comeza o percorrido das feiras do libro

Do 5 ao 10 de abril, a Ferrería de Pontevedra acollerá a nova edición desta cita coas novidades editoriais e coa lectura.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/04/2016 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

As feiras do libro de Galicia 2016 inician mañá martes, 5 de abril, en Pontevedra un percorrido que as levará por un total de 14 municipios das catro provincias ata o vindeiro mes de agosto. A cidade do Lérez acollerá de mañá unha nova edición deste encontro coas novidades editoriais e coa lectura, que se prolongará ata o próximo domingo 10 de abril.

Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais
Libros da colección Fóra de Xogo de Xerais

A programación que se desenvolverá ao longo desta semana foi presentada hoxe en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; e mais pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. Sobre as actividades, Anxo Lorenzo destacou a aposta da Federación de Librarías de Galicia e do Goberno galego por ofrecer un programa diverso e amplo con propostas dirixidas a promover a lectura entre o público, a través de diferentes formatos.

Non faltarán as presentacións e as sinaturas de libros, obradoiros de linguaxe de signos e de banda deseñada, os contacontos, espectáculos musicais e unha mesa redonda sobre a literatura romántica-erótica. Serán preto de 30 actividades nas que participarán escritores e escritoras como Ramón Caride, Xesús Constenla, Arantza Portabales e Teresa Cameselle, entre outros.

A Biblioteca Antonio Odriozola súmase á festa do libro

Un total de oito librerías –Paz, Seijas, Cronopios, Pedreira, D-Lectum, Cartabón, Clip e Nobel Pontevedra– participan no encontro, que tamén contará cun stand da Deputación Provincial de Pontevedra e da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, que sairá un ano máis á rúa para lle achegar os seus servizos á cidadanía.

O escritor Alberto Fortes será o pregoeiro nun acto inaugural que comezará mañá ás 19:00 horas e que contará coa participación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. O grupo Os Alegres será o encargado de amenizar con música a apertura oficial da feira, á que seguirá a sinatura de exemplares de Alberto Fortes do seu libro ‘O dobrón de a oito’, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

14 feiras en toda Galicia

A Federación de Librarías de Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura promoven as Feiras do Libro de Galicia para favorecer o comercio editorial e a dinamización da lectura, cun calendario que este ano chegará, despois da cita en Pontevedra, a Ferrol (do 20 ao 24 de abril), á capital de Galicia (do 30 de abril ao 8 de maio), ao municipio do Porriño (do 12 ao 15 de maio), á cidade de Lugo (do 17 ao 22 de maio), a Ourense (do 3 ao 8 de xuño); ao concello de Redondela (do 16 ao 19 de xuño), a Ribeira (do 23 ao 26 de xuño), a Vigo (do 1 ao 10 de xullo), a Rianxo (do 21 ao 24 de xullo), á Coruña (do 1 ata o día 10 de agosto), a Viveiro (do día 12 ao 15 de agosto); a Foz (do 18 ao 21 de agosto); e, finalmente, a Monforte de Lemos (do día 24 ao 27 de agosto).

O libro galego na feira de Boloña

Un ano máis, o sector editorial galego volve participar na Feira do Libro de Boloña, que se celebra na cidade italiana desde hoxe ata ao 7 de abril. Un total de 16 editoriais galegas están representadas na cita de referencia do libro infantil e xuvenil, onde exhiben a súa produción Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, KNS, Editorial Galaxia, Linteo, Edicións Embora, Alvarellos Editora, Bolanda, Edicións do Cumio, Bululú, Primerapersona, MCSports, Urco Editora, Nova Galicia Edicións, Sotelo Blanco e Kalandraka. As cinco últimas, ademais, tamén se desprazarán á feira, que contará cun stand de Galicia.

Tamén estará representada a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que este ano convidou a autora viguesa Almudena Aparicio Andión para dar a coñecer o seu traballo e a ilustración galega nesta cita internacional, a través de diversas iniciativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta