Tres debuxos de nenos galegos viaxarán ao espazo nun satélite da ESA

A Axencia Espacial Europea selecciona dúas obras creadas en Celanova e outra en Poio, que se suman aos 3.000 debuxos de nenos de toda Europa elixidos para ser enviados a bordo do satélite astronómico CHEOPS.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/04/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Miles de nenos de toda Europa participaron nun concurso de debuxo organizado pola Axencia Espacial Europea (ESA, nas súas siglas en inglés) para enviar unha mostra ao espazo a bordo do satélite astronómico CHEOPS.

Debuxo dun cativo de Poio seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo  a bordo do satélite astronómico CHEOPS
Debuxo dun cativo de Poio seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo a bordo do satélite astronómico CHEOPS | Fonte: ESA.

De todas as achegas de elementos cósmicos, os organizadores do concurso seleccionaron un total de 3.000 debuxos, que serán escaneados e reducidos nun factor de mil para posteriormente ser gravados en dúas placas metálicas que se unirán ao satélite. Entre esta mostra que será enviado ao espazo hai tres debuxos galegos, dous creados en Celanova (Ourense) e un en Poio (Pontevedra).

A mostra dos debuxos gañadores foi publicada pola ESA nun escaparate na súa páxina web, onde se poden localizar, por países, polo código postal da residencia dos seus autores.

A competición contou coa coordinación da Universidade de Berna (Suíza) e desenvolveuse en colaboración coa ESA e as institucións socias da misión dos países CHEOPS: Austria, Bélxica, Francia, Alemaña, Hungría, Italia, Portugal, España, Suecia, Suíza e o Reino Unido.

O concurso tivo lugar entre maio e outubro de 2015 e estivo dirixido a nenos dos estados membro que cooperan coa ESA con idades comprendidas entre os 8 e os 14 anos.

Debuxo dun cativo de Celanova seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo  a bordo do satélite astronómico CHEOPS
Debuxo dun cativo de Celanova seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo a bordo do satélite astronómico CHEOPS | Fonte: ESA.

Estas ilustracións cubrían un amplo espectro temático, que abarcaba desde representacións precisas da Terra, outros planetas do Sistema Solar, ceos estrelados e astronautas a ilustracións imaxinativas de estrelas e mundos extrasolares con exploradores espaciais do futuro, tanto humanos como alieníxenas. Non só constituían unha representación realista de CHEOPS e outras misións e foguetes espaciais, senón tamén visualizacións do espazo enormemente abstractas.

O material gráfico debía estar ilustrado en branco e negro para facilitar o proceso de gravación nas placas, pero os participantes empregaron técnicas e aproximacións moi diferentes.

"Quedamos atónitos coa popularidade da competición", recoñeceu Kate Isaak, xefa científica do proxecto CHEOPS da ESA.

"Miles de nenos compartiron connosco non só a súa paixón e interese polo espazo, senón tamén o que significa CHEOPS para eles, e retratárono con gran creatividade e enxeño", engadiu a científica.

A ESA recoñeceu que o número de ilustracións que se presentaron foi moi superior ao que se podía acomodar nas dúas placas, polo que levou a cabo un sorteo para elixir 3.000 propostas gañadoras que finalmente voarán cara ao espazo.

"Queriamos que os nenos compartisen a emoción de vivir un momento especial, cando a tecnoloxía e a ciencia se unen para permitir o descubrimento de mundos novos e, posiblemente, de vida máis aló da Terra", declarou pola súa parte Willy Benz, investigador principal de CHEOPS na Universidade de Berna.

Agora, un equipo do departamento de Enxeñería e Tecnoloxía da información da Universidade de ciencias aplicadas de Berna en Burgdorf (Suíza), miniaturizará as ilustracións e gravaraas nas placas metálicas antes de ser enviadas ao espazo.

A misión CHEOPS

CHEOPS é unha misión da ESA en asociación con Suíza a través da Oficina espacial deste páis. A Universidade de Berna lidera o consorcio de 11 estados membro da ESA que contribúen á misión e representan o equipo científico de CHEOPS. 

CHEOPS é un pequeno telescopio espacial dedicado a observar as estrelas próximas nas que xa se coñece a existencia de planetas. A través de medicións moi precisas da lixeira diminución das estrelas a medida que os planetas pasar por diante delas, os astrónomos poderán determinar os tamaños dos planetas e obter máis información sobre a formación de sistemas planetarios.

O satélite é o resultado dunha colaboración entre a ESA e o consorcio de países Europeos liderados por Suíza.

Até o de agota xa se completaron as probas mecánicas do modelo estruturale a primeira fase de probas eléctricas e funcionais do modelo de enxeñería. O seguinte paso é a entrega dun modelo de enxeñería do instrumento científico situado no centro de CHEOPS para proceder á súa integración co modelo de enxeñería do satélite, a modo de preparación para as probas eléctricas adicionais.

Despois de todas estas probas, no verán iniciarase a integración da plataforma de voo e prevese que o satélite definitivo co seu telescopio e instrumento estea listo para o lanzamento a principios de 2018.

A ESA iniciou un proceso de posta en marcha do lanzamento que, segundo o esperado, finalizará antes de finais deste ano. 

Tras a posta en órbita da nave, a responsabilidade das operacións será asumida polo consorcio da misión CHEOPS. España será responsable do centro de operacións da misión, mentres que o centro de operacións científicas estará situado e correrá a cargo da Universidade de Xenebra (Suíza). 

Debuxo dun cativo de Celanova seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo  a bordo do satélite astronómico CHEOPS
Debuxo dun cativo de Celanova seleccionado pola Axencia Espacial Europea para ser enviado ao espazo a bordo do satélite astronómico CHEOPS | Fonte: ESA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta