Ponte Caldelas tamén quere fusionarse con Cotobade

O rexedor socialista pídelle ao popular Jorge Cubela que elixa entre esta localidade ou Cerdedo porque cre que o anuncio de fusión Cerdedo-Cotobade é unha manobra política do PP.

Por Galicia Confidencial | Ponte Caldelas | 06/04/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, lanzoulle un órdago este martes ao seu homólogo en Cotobade, Jorge Cubela (PP), e pediulle que ambos os dous concellos se fusionen. Unha petición que tamén trasladou á Deputación de Pontevedra para que analice a posible fusión entre estes dous municipios.

Andrés Díaz, alcalde socialista de Ponte Caldelas
Andrés Díaz, alcalde socialista de Ponte Caldelas | Fonte: Pontevedraviva.com

“Trataríase do que moitos consideran como a fusión natural entre dous municipios da contorna”, dixo Díaz que acusa a Cubela de querer xuntarse con Cerdedo para "redefinir o mapa electoral do PP ante a perspectiva máis que probable de xubilación da política activa” do alcalde daquel municipio, Xosé Balseiros.

Así, critica que para o proxecto de fusión de Cotobade e Cerdedo se pedira "tarde e mal" un informe a "un ex profesor e amigo persoal" de Cubela, para tratar de "vestir" un expediente que "carece do máis elemental rigor administrativo" e que foi tramitado "como secreto de estado".

Entre os argumentos que destaca para esta fusión Cotobade-Ponte Caldelas  apunta que “sería de primeira división” porque tería máis de 10.000 habitantes" e serían do mesmo partido xudicial. Deste xeito, a prestación de servizos experimentaría, segundo el, "un abaratamento substancial".

O rexedor de Ponte Caldelas recalca que debe ser a Deputación, como institución competente para emitir un informe previo vinculante previsto na lexislación galega, a que debe elaborar ese estudo en colaboración cos dous municipios.

A proposta do alcalde de Ponte Caldelas é que o proceso de fusión con Cotobade siga un calendario "claro e transparente, con información puntual" aos veciños, e que concluiría no próximo mandato para que os habitantes teñan a posibilidade de "referendalo democraticamente nas urnas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta