Como axudar as persoas refuxiadas?

A Coordinadora Galega de ONGD ofrece unha serie de consellos aos cidadáns para apoiar aos refuxiados.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/04/2016 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

"Recorda: a solidariedade efectiva sempre é de longa duración. As persoas refuxiadas tamén necesitan o noso apoio e a nosa atención cando non son noticia". Con esta mensaxe, a Coordinadora Galega de ONGD quere chamar a atención da cidadanía galega sobre a dramática situación que viven millóns de refuxiados no mundo, tamén cando non son o centro do debate público. Por iso, elaborou unha serie de consellos para axudar a estas persoas:

Un grupo de refuxiados sirios
Un grupo de refuxiados sirios

1) Fórmate e informa. Colabora en difundir a realidade que están a vivir as persoas refuxiadas e os motivos desta crise. Podes implicar á túa asociación veciñal, parroquia, asociación deportiva ou cultural para que difunda esta información e se posicione. Consulta nestas páxinas información, posicionamentos e accións reivindicativas:

- Posicionamento Coordinadora Galega de ONGD e Rede Galega contra a Pobreza >>>
-  Blog 'Bienvenidos Refugiados' con información e recursos >>>
- Grupo de Facebook “Galicia Refuxiada” >>>
- Grupo de Facebook “Refuxiadas Compostela” >>> 

2) Esixe aos diferentes partidos e administracións que fagan presión para que se atenda e acolla ás persoas refuxiadas. Investiga que está facendo o teu concello polas persoas refuxiadas e de que xeito fan presión ás administracións autonómicas e estatais. Organízate para que se presenten mocións no teu concello e para que a Xunta se posicione. Pregunta aos políticos e políticas nas redes sociais que opinión e propostas teñen parar garantir os dereitos das persoas refuxiadas, etc.

3) Infórmate se está previsto que cheguen persoas refuxiadas ao teu concello. Algúns municipios están coordinando a acollida con organizacións locais que se encargan de cubrir o máis básico (vivenda, educación e atención sanitaria). A cidadanía é imprescindible no acompañamento para a súa incorporación á vida social cotiá.

Faixa de Alternativas dos Veciños nunha concetración a prol dos refuxiados
Faixa de Alternativas dos Veciños nunha concetración a prol dos refuxiados | Fonte: facebook alternativa dos veciños

4) Infórmate ben sobre as organizacións ás que queres facer doazóns materiais.
Se queres colaborar, infórmate sobre as organizacións ás que queres doar obxectos, alimentos ou roupa. Consulta a súa web e chámaa ou escríbelles para asegurar que a túa axuda chega a organizacións profesionais, transparentes, con presenza no terreo e capacidades efectivas para prestar unha axuda eficaz e con impacto ás persoas refuxiadas.
É moi importante ter en conta o protocolo de boas prácticas en axuda humanitaria que,  entre outras cuestións, especifica que sempre que sexa posible a axuda debe prestarse aproveitando os recursos locais e rexionais e abastecéndose deles para evitar os custes adicionais (ambientais e financeiros) e para favorecer a economía local e rexional.

5) Fai donativos económicos ás organizacións especializadas que traballan nos países de primeira acollida, de tránsito ou aquí. Moito mellor facerse socio e socia. O apoio puntual é moi bo, pero as axudas regulares permiten planificar e organizarse mellor. A axuda efectiva para as persoas refuxiadas precisará do apoio continuado de todos e todas. Achegar axuda económica permite que as organizacións que traballan en terreo poidan destinalo en cada momento ás necesidades que detectan. 

Aquí podes consultar a algunhas das organizacións que traballan en Galicia:

6) Ofrécete como voluntario/a ou activista ás organizacións especializadas no ámbito do asilo e refuxio e que traballan con persoas migrantes. En Galicia xa hai persoas refuxiadas ou esperando que se lles recoñeza como tales. E cada día chegan máis refuxiadas e migrantes por Ceuta e Melilla. Polo xeral as organizacións de acollida dispoñen de pouco persoal e agradecerán o apoio. Quizais tardan en responder, hai que ter un pouco de paciencia.

7) Ciberactúa. Moitas organizacións teñen campañas abertas en internet e nas redes sociais para facer presión ás autoridades españolas e europeas. Hai que esixir ao goberno central e ás institucións europeas unha resposta rápida e efectiva, o cumprimento dos seus compromisos e o respecto aos Dereitos Humanos.

Algunhas campañas:

8) Fai traballo educativo na escola, no tempo libre, na túa casa... Hai que explicar aos nenos e nenas que está pasando. Moitas organizacións dispoñen de materiais educativos para traballar estes temas.
Algunhas ideas:

Rede de Recursos educativos Edualter
- Unidades Didácticas de Entreculturas 
- Unidade Didáctica de Amnistía Internacional
Escolas sen Racismo

9) Faite activista de organizacións, campañas ou plataformas de denuncia das actuais políticas migratorias e de asilo da UE e dos seus Estados membros. A crise das persoas refuxiadas está moi relacionada coas desigualdades, as guerras, as migracións internacionais e a xenofobia.

10) Esixe que os teus impostos sirvan para axudar ás persoas refuxiadas. Investiga que está facendo o teu concello e a Xunta a favor das persoas refuxiadas a nivel económico. Fai presión para que  haxa políticas e recursos estables para axudar ás persoas refuxiadas, agora e mañá.

11) Colabora como socio/a, voluntario/a, activista ou ciberactivista con calquera organización que traballe en cooperación internacional ou defensa da paz e os dereitos humanos. Sen desigualdades, sen guerras e sen vulneración dos Dereitos Humanos non habería crises das persoas refuxiadas. Hai que entender e atender os problemas que causan estas crises. É un xeito indirecto de axudar aos refuxiados e a única forma de conseguir que o seu número non siga crecendo.

Unha axencia internacional axuda a refuxiados políticos
Unha axencia internacional axuda a refuxiados políticos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegoexiliado

¿Cómo axudar aos refuxiados galegos que durmen nas ruas de Compostela e outras vilas galegas? ¿Dándolles un pasaporte sirio?