Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/04/2016 | Actualizada ás 14:51
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) pediu a retirada ou a substitución dunha campaña publicitaria da Xunta por ser "irrespectuosa" coas persoas desempregadas. Denuncia que está composta, entre outras accións, de varios slogans publicitarios que conteñen afirmacións como "volverás odiar o espertador" ou "volverás aos cafés de 15 minutos" para se referir á obtención dun posto de traballo.
"Isto é unha burla. Nin unha pausa para o café nin o son do espertador pola mañá son as principais preocupacións das persoas desempregadas", critica a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza,
Ademais, no caso da afirmación referente á pausa do café, Bouza considera que se está a "frivolizar" cun dereito regulado polo Estatuto dos Traballadores (artigo 34.4) "que nin sequera recibe ese nome, “pausa café”, senón que é un tempo de descanso que debe computar como xornada efectiva e que pode ser mellorado no convenio colectivo".
Esta campaña está patrocinada polo Fondo Social Europeo. Por iso, este sindicato tamén critica que a Xunta non ten criterios propios e "funciona ao ditado de Bruxelas porque carece de política propia axeitada á nosa realidade".
Bouza pediu a "asunción de responsabilidades políticas por esta intolerable metedura de zoca". A sindicalista lembrou que as persoas desempregadas "non son números para a estatística, senón seres humanos coas súas preocupacións e dramas particulares, que o último que precisan é que o seu Goberno lles falte ao respecto con burlas e insinuacións fóra de lugar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.