A agricultura ecolóxica acada os 33 millóns de facturación cun crecemento do 7%

Lugo segue sendo a provincia con máis hectáreas certificadas para a produción ecolóxica, mentres que a produción de leite e derivados é a actividade con maior peso dentro das acreditadas polo Craega.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 11/04/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A agricultura e a gandaría ecolóxica xa son unha realidade en Galicia. Un sector que, ademais, vai en aumento. O pasado ano o volume de facturación creceu en algo máis dun 7% e facturou 33.334.000 euros.

Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) | Fonte: GC

Segundo informou o presidente do Consello Regulador -Craega-, José Antonio Fernández, estas cifras constatan o crecemento da agricultura e da gandaría en Galicia que, lembrou, non deixou de mellorar desde o ano 1997.

Ademais de incrementar a facturación, tamén aumentou nun 13,5% o número de operadores inscritos no rexistro do consello regulador -que contempla a industrias transformadoras, comercializadores e produtores gandeiros e agrícolas-, até chegar aos oitocentos.

Tamén se incrementou en máis dun 33% durante o pasado ano o número de hectáreas certificadas para a produción ecolóxica, de modo que nestes momentos a superficie acreditada polo Craega xa supera as 20.000 hectáreas.

Lugo segue sendo a provincia con máis hectáreas certificadas para a produción ecolóxica, mentres que a produción de leite e derivados é a actividade con maior peso dentro das acreditadas polo Craega.

Presentación do balance do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica en Monforte
Presentación do balance do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica en Monforte

Fernández participou este luns en Monforte, xunto co alcalde da vila, José Tomé, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, na presentación do balance do consello regulador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta