Sanidade aumenta nun 40% as consultas especializadas na atención á dor

O conselleiro de Sanidade destaca a importancia do seguimento personalizado a través de ferramentas tecnolóxicas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2025 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde incrementou nun 40% as consultas especializadas na atención á dor nos últimos catro anos, segundo afirmou este venres o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a inauguración da ‘Reunión do grupo de traballo da dor oncolóxica’, organizada pola Sociedade Española da Dor. O acto celebrouse en Ourense e contou coa presenza do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño | Fonte: Gustavo Valente

Segundo explicou o conselleiro, durante o ano pasado realizáronse máis de 44.000 consultas especializadas en unidades destinadas ao tratamento da dor, superando as 31.000 rexistradas en 2020. Para Gómez Caamaño, este incremento responde a unha maior demanda asistencial e á necesidade de reforzar recursos e investimentos para atender este tipo de patoloxías.

USO DE NOVAS TECNOLOXÍAS DE ATENCIÓN Á DOR

A Xunta destacou que o Sergas está a potenciar ferramentas como ‘Telea’, unha plataforma de telemedicina que permite monitorar a dor crónica e realizar un seguimento personalizado dos pacientes.

Así mesmo, o titular de Sanidade salientou que a unidade de dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense foi a primeira de España en recibir, en 2022, a acreditación específica para a dor oncolóxica concedida pola Sociedade Española de Calidade Asistencial.

O evento, centrado na abordaxe da dor en pacientes oncolóxicos, puxo de relevo a importancia da atención multidisciplinar e da investigación en novos tratamentos para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por estas patoloxías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta