Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2016 | Actualizada ás 12:47
O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, criticou este mércores duramente a política de aforro da Xunta e cuestionou o "prezo" ao que Galicia cumpriu o límite de déficit imposto polo Goberno central.
Este límite só o cumpriron Euskadi e Canarias. Por iso, Méndez Romeu aproveitou para preguntarlle a Feijóo a que prezo cumpriu ese déficit e se "Galicia ten o mesmo nivel de servizos públicos e de emprego que Euskadi".
Así, acusouno de presumir de déficit como unha política de "promoción persoal" e reprochoulle que, xunto co ministro de Facenda en funcións, Cristóbal Montoro, practique "un xogo de trileiros".
Pola súa banda, o presidente galego defendeuse suliñando que o cumprimento do déficit serve "para non deixar pufos" aos galegos ao final da lexislatura e defendeu a capacidade de investimento de Galicia.
Ademais, como avanzou que a Xunta aprobará este xoves "un investimento de 120 millóns de euros" en educación, "para facer máis colexios, mellorar institutos, mellorar centros de educación primaria e de FP".
"Para iso cumprimos o déficit, para investir máis que as Comunidades Autónomas socialistas e que a media do resto de Comunidades de España. Cumprimos para non deixarlles pufos aos galegos", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.