Unha lista de comprobación

Ando estes días reflexionando sobre se non sería interesante que dedicara algo de tempo a deseñar listas de comprobación para utilizar nalgúns dos traballos nos que ando metido: negociacións con sindicatos, desenvolvemento de normativas, convocatorias de selección de persoal…

Por Emilio Martinez | Vigo | 14/04/2016

Comparte esta noticia

A Wikipedia define unha lista de comprobación, checklist, en inglés, como “unha ferramenta de axuda no traballo deseñada para reducir os erros provocados polos potenciais límites da memoria e a atención do ser humano. Axuda a asegurar a consistencia e exhaustividade na realización dunha tarefa”. Teño que recoñecer que a miña relación con estas listas non foi o que se di un amor a primeira vista. Hai anos tíñalle unha certa tiria, pero a medida que profesionalmente vinme envolto en asuntos cada vez mais complexos funlle collendo cariño. A bibliografía sobre a materia é enorme. O primeiro libro que merquei foi fai mais de vinte cinco anos, ao pouco de rematar a carreira: “Lista de comprobación do director de empresa”, de William Sham e Graham Day. Daquela aínda non sabía moi ben a onde me ia levar a licenciatura en Ciencias Económicas. Hai obras moito mais recente, por exemplo en 2010 publicouse “O efecto Checklist. Como unha simple lista de comprobación elimina erros e salva vidas” escrito polo cirurxan Atul Gawande froito da súa propia experiencia no uso de esta técnica en varios hospitais estadounidenses, con resultados sorprendentes en canto á redución da mortandade en operacións.

Mentres pensaba nas miñas obrigas profesionais e como as listas poderían axudarme a detectar axilmente os erros ou esquecementos, pareime a pensar que xa que son usadas en actividades da complexidade dunha operación a corazón aberto ou a construción dun Boing 747, non poderían ser tamén de utilidade na contenda política?.

A día de hoxe non só é posible senón probable, que a cidadanía galega sexa chamada ás urnas en apenas dous meses e medio, tanto para unhas repetidas eleccións Xerais como para unhas adiantadas eleccións autonómicas. As razóns dunha posible repetición das Xerais son coñecidas por todos, e a data das eleccións autonómicas dependerá exclusivamente do que Núñez Feijoo entenda que é mais convinte para os seus intereses. Xuño é probable tendo en conta a situación  na que se atopan as posibles alternativas. O PSOE con todos os ventos en contra e En Marea... con vento, pero sen fixar o rumbo.

Sobre a situación actual da conformación dunha alternativa, e do necesario para acadar o éxito, teñen escrito non poucas persoas, das que citarei a Xaime Subiela ou Antón Baamonde, aos que lle teño o maior dos respectos intelectuais, ademais de aprezo persoal. Dan no cravo na meirande parte das súas reflexións e suxestións. Como resultado do que lle teño leído, tamén a outros e outras que escriben desde distintas sensibilidades políticas e sociais, desde distintas experiencias, atrévome a propor, a quen corresponda, desde a maior das modestias, un borrador de lista de comprobación, de cuestións necesarias para tentar acadar o éxito na tarefa, ben complexa, de que Galicia sexa gobernada por unha forza política, por un conxunto de mulleres e homes, que, polo menos, a respecten.

Cuestións que deben formar parte desa lista son:

1.- Contamos cun/ha candidato/a que sume ao proxecto?. Un candidato, unha candidata, que sexa capaz de aglutinar e dar cohesión as diferentes sensibilidades?. Núñez Feijoo non é Negreira nin é Agustín Hernandez. Feijoo aínda conta, incrible pero certo, con certa fama de bo xestor. Non contar cun candidato ou candidata de “recoñecido prestixio” será agasallalo con puñados de votos… os que a alternativa non obterá.

2.- Contamos con capacidade para elaborar unhas listas electorais que, ademais de sumar apoios, respondan logo ás necesidades de dous escenarios posibles: ser o grupo parlamentario que sosteña a un goberno, ou, nun escenario mais negativo, un grupo parlamentario que lidere a oposición ao Partido Popular construíndose como alternativa?.  Tense aprendido do nefasto quefacer, e devir, do grupo parlamentar de AGE nos pasados anos?.

3.- Seremos capaces de redactar un programa electoral que sexa un programa de goberno?.  As experiencias pasadas, nas derradeiras autonómicas e nas pasadas xerais, son desesperanzadoras. Nunhas e noutras as propostas realizadas, no seu conxunto, eran digámolo francamente, uns folios mal grampados e mal escritos. Como lle dicía a algunha amiga: ata os programas dos CAF ao Claustro Universitario estaban mellor redactados. Un programa electoral consistente é imprescindible, porque por unha banda no caso de precisar negociar acordos de goberno con outra forza política as proposta programáticas teñen que constituír a base da negociación, e por outra banda é a forma de comezar a acción de goberno coherentemente.

4.- Temos pensado seriamente neses centos de persoas que deberán encargarse da xestión política e a xestión técnico-política dunha estrutura institucional que ten un orzamento de arredor de 10.000 millóns de euros?. Este é un tema sobre o que Antón Baamonde ten incidido en varias ocasións, é incidir nel é necesario: o goberno dun país non se improvisa. Quen será director ou directora do IGAPE, quen director ou directora da Axencia Galega de Innovación?. Quen director ou directora do SERGAS? Quen director ou directora de AGADER, a axencia de desenvolvemento rural?. Que director ou directora da Compañía de Radio Televisión de Galicia?. Ningún destes é un cargo doado de exercer dignamente, ningún é un cargo para deixar a decisións de última hora, ou para converterse en mera moeda de intercambio político.

5.- Xa temos unha solución para a forma na que se vai presentar, no electoral, a alternativa?. Temos unha solución político-organizativa que garanta a unidade logo das eleccións, que garanta a comodidade das diferentes sensibilidades?.

6.- Temos capacidade para organizar unha campaña electoral que vai ser difícil, seguramente extremadamente dura, na que o Partido Popular fará gala de calquera mala arte que teña ao seu alcance?. Rueda é moito Rueda. Somos  conscientes de que para o PP esta é unha campaña a “vida ou norte”?.

7.- Faise todo o posible para que o día 26 de xuño, ou o día de setembro, de outubro ou novembro que decida Feijoo, non se quede ningún voto polo camiño?. Deixámonos levar á hora de tomar decisións polas nosas filias e fobias persoais ou antepoñemos o interese do país?.

8.- E con carácter xeral, xa rematando: contamos cunha estratexia global?. Contamos cun colectivo de persoas que, mais alá das necesarias novas formas de participación cidadán, esté en situación de dirixir o proceso?.

Estas son oito preguntas que poden facer parte desa hipotética lista de comprobación. Seguramente cada un de vos, cada unha de vos, poda aportar, dende a súa experiencia, puntos críticos deste complexo proceso que deben ser verificados. Facer esta lista será un reto colectivo, porque construír a alternativa é un traballo fundamentalmente feito en común. Tal vez comezando por ter claro o que temos que facer ben. Tal vez si contestamos NON a algunhas das preguntas propostas sexa posible acadar o cambio, pero sen dúbida será mais difícil. e mais difícil tamén facer que o cambio permaneza, que non sexa flor dunha única lexislatura.

Pola casa teño outro libro sobre listas de comprobación, titúlase “O método checklist. 143 listas imprescindibles para organizar mellor o día a día”, escrito por Natàlia Foguet e Martina Ros. Hai unha proposta de lista que se titula “Si queres que a relación de parella sexa auténtica proba a…”  e aparecen preguntas a contestar con “Si quero” ou “Non quero” do estilo: “Saca proveito, valora e potencia ao máximo os rasgos persoais e as habilidade do outro: creatividade, dinamismo, orden, disciplina, sentido do humor, serenidade…”. Tal vez debamos facer unha proposta de lista de este estilo para mellorar o nivel de relación entre os posibles socios da candidatura electoral. Dito con todo cariño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.