A pescada atlántica recupérase dos efectos da sobrepesca

Unha investigación desenvolvida na Universidade de Vigo salienta que a poboación deste peixe se está recuperando grazas “o aumento do ollo da malla nas artes de pesca e a diminución das cotas de pesca”.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/04/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A poboación atlántica de pescada estase a recuperar dos efectos da sobrepesca. Tras acadar un índice mínimo en 2004 con 300 reprodutores no caladoiro noroeste da Península Ibérica, esta cifra multiplicouse ata acadar na actualidade os 5.000 reprodutores efectivos. Así o constatou José Cuéllar, investigador da Universidade de Vigo no Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños da Ecimat, autor dunha tese de doutoramento na que aplicou os marcadores xenéticos para afondar no estudo do stock pesqueiro e na avaliación dos efectos da sobrepesca sobre a estrutura e tamaño efectivo das diferentes poboacións.

O investigador José Cuéllar, no Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños da Ecimat
O investigador José Cuéllar, no Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños da Ecimat | Fonte: DUVI.

No caso da pescada europea, ao longo da última década implementáronse diferentes medidas para frear o deterioro e fomentar a súa recuperación. Co fin de avaliar a evolución da diversidade molecular fronte aos procesos de sobreexplotación desta especie, o equipo de investigadores e investigadoras deste laboratorio vigués analizou varios marcadores moleculares en diferentes series temporais (1976, 2000-2005 e 2007) e comparou estes datos coa situación actual. Os resultados non deixan lugar a dúbidas: a poboación estase recuperando e as principais medidas que contribuíron a esta mellora foron “o aumento do ollo da malla nas artes de pesca e a diminución das cotas de pesca”, explica o autor da tese en declaracións recollidas por D. Besadío no DUVI.

Os datos xenéticos da pesquería sur tamén están de acordo co modelo de conectividade demográfica en todo o Atlántico proposto por este laboratorio e cuxo foco de radiación sitúa as principais zonas de desove no Porcupine Bank (a uns 200 quilómetros do noroeste de Irlanda) e no Gran Sol, unha zona que destaca pola súa riqueza pesqueira, especialmente no que a pescada se refire.

Toda esta información xenética recollida na tese de doutoramento de Cuéllar sobre a estrutura xenética poboacional da pescada europea permite entender mellor as limitacións dos modelos demográficos e, á súa vez, é clave para avaliar os riscos de extinción por factores xenéticos, permitindo incorporar criterios de estruturación e diversidade xenética na xestión e, desta forma, “prever o deterioro das características físicas desta especie e garantir, polo tanto, a súa sustentabilidade e a das especies dependentes”, salienta Cuéllar, que pon como exemplo destas especies dependentes a anchoveta e o calamar, “que son as principais especies das que se alimenta a pescada”, explica.

As especies máis explotadas

Unha das principais observacións do traballo, dirixido polos investigadores Pablo Presa e Alfonso Pita, é que, independentemente da variación na diversidade xenética, o desgaste das características físicas como a idade e o tamaño medio de madurez en especies intensamente explotadas, como o bacallau e a platuxa americana, é moi elevada.

“Hipoteticamente, o deterioro das características físicas podería ser un subproduto da sobrepesca sen consecuencias para a diversidade xenética. Non obstante, outro escenario plausible sería aquel no que as características xenéticas e físicas da poboación foron erosionadas ata tal punto que non é posible recuperar a diversidade que tiñan antes de comezar a explotación”, explica o autor da tese, que destaca o feito de que, polo momento, cun volume de información dispoñible sobre a evolución temporal da diversidade xenética das especies sobreexplotadas aínda moi baixo, non se observou unha erosión xenética paralela a demográfica, feito que achacan a que o tamaño xenético efectivo das pesquerías non diminuíu por debaixo do límite inferior de precaución.

A investigación tamén permite medir canto e cando se produciu a maior perda de caracteres físicos das especies explotadas e canto potencial se perdeu neses caracteres nos últimos cen anos, tanto nas poboacións naturais como potencialmente para a súa futura explotación en acuicultura. “Por exemplo, entre 1985 e 1997 erosionouse o 15% da talla e o 25% da idade de madurez do bacallau no mar Báltico”, comenta Cuéllar, ao tempo que explica que os cambios máis importantes se produciron entre 1970 e 1980, momento no que a pesca industrial comezou a impactar significativamente nos bancos pesqueiros, “co aumento da potencia dos motores, o incremento do esforzo pesqueiro e os grandes buques factoría”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta