A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (III)

O final de ano de 2015 resultou certamente convulso para a sanidade de Vigo. O novo hospital comeza a funcionar con múltiples deficiencias e cunha enorme desorganización que preocupa a cidadáns e profesionais. O novo conselleiro –Vázquez Almuiña, exalcalde de Baiona-, estréase con dúas manifestacións –en Vigo e Pontevedra- en 48 horas. Na mobilización de Vigo os convocantes expresan as súas críticas ao modelo de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), esixen o seu rescate para dominio público e reclaman que as instalacións sanitarias abandonadas sigan tendo un uso público para servizos sanitarios.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 15/04/2016

Comparte esta noticia

Durante semanas houbo continuadas protestas organizadas polos celadores do centro, por ver como as súas funcións eran adxudicadas a persoal externo contratado por unha ETT. Os 500 celadores do Chuvi foron relegados pola concesionaria a un papel residual, entregando o seu labor a traballadores externos. A confirmación deste situación chegoulles por un comunicado interno no que non figuraba a sinatura de ningún xefe de servizo nin responsable oficial. O escrito, con membrete da Xunta e da Xerencia, deixáballes claro que as súas tarefas eran reducidas ao mínimo –traslado de pacientes-: todas as demais funcións eran externalizadas.

O colectivo de matronas do HAC tamén expresou publicamente a preocupación polas súas condicións de traballo. Nunha rolda de prensa denunciaron que a falta de persoal pode provocar situacións de risco para as xestantes e os recen nados. Entenden que a condicións nas que as obrigan a traballar están en contra de todas as recomendacións estatais e internacionais. “Temos medo de ver o que nos imos atopar ao chegar ao traballo; calquera día pode pasar algo moi grave”, aseguraban.

Remata o ano e multiplícanse as protestas. Os doentes quéixanse polo colapso nas urxencias, onde teñen que esperan máis de sete horas para recibir atención. Ao desorde no funcionamento súmase a deficiencia das infraestruturas e o déficit de profesionais que teñen que asumir unhas cargas de traballo inabordábeis. A Xunta de Persoal do HAC convoca un calendario de mobilizacións para denunciar a falta de recursos, que persisten en 2016.

Os médicos tamén continúan coas protestas no HAC e din que non queren ser “cómplices calados do desastre" do hospital vigués. Nunha rolda de prensa expresan o seu descontento xeral co funcionamento e afirman que o problema fundamental é o sistema concesional do centro sanitario, que estarán condenados a sufrir durante vinte anos. Tamén destacaron que os médicos se senten "maltratados" xa que a súa opinión non foi "valorada"en ningún momento. Os xefes de servizo tamén se rebelan e 28 dos 40 existentes asinan un escrito no que declaran a súa "perda de confianza no equipo directivo" e reclaman medidas para arranxar os problemas existentes e que se "cumpra cos compromisos adquiridos de mellora asistencial". Núñez Feijoo tomou nota da reprimenda e anunciou cambios.

Poucos días despois substitúe a todo o equipo directivo do HAC –dous meses despois do cese da conselleira-, pero mantén ao xerente, Félix Rubial, no seu posto. Este, nunha comparecencia pública, tenta presentar estes ceses como un proceso de “cambio natural e tranquilo”, necesario para dar un novo impulso. As forzas sindicais, pola contra, coinciden en que non se trata de cambiar persoas senón de aplicar políticas diferentes; recordan que quen manda en realidade no HAC é a empresa concesionaria e  insisten en que é preciso un cambio radical no modelo sanitario e recuperar o hospital para a sanidade pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.