Galicia e Irlanda, conectadas pola poesía en feminino

A Universidade de Vigo acolle o primeiro dos recitais do ciclo 'A Malinche', que levará a poesía de autoras galegas e irlandesas por ambos os dous países.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 15/04/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Lorna Shaughnessy, unha das voces máis coñecidas da poesía irlandesa actual, foi a persoa elixida para inaugurar o ciclo 'A Malinche', unha actividade de intercambio poético entre autoras de Galicia e Irlanda que arrancou este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e que nace “concibida para permitirnos mirar máis aló das fronteiras e os idiomas” e con vocación de converterse “nunha cita anual”, tal e como subliña no DUVI o seu impulsor e coordinador, Keyth Payne, poeta, tradutor e profesor do Centro de Linguas da Universidade de Vigo.

Lorna Shaughnessy e Keith Payne
Lorna Shaughnessy e Keith Payne | Fonte: DUVI.

Shaughnessy foi a primeira poeta irlandesa que visitou Galicia neste ciclo, pero tamén virá en próximas citas Annemarie Ni Chuirrean, un dos nomes máis representativos dos novos valores das letras irlandesas, mentres que as poetas galegas elixidas para viaxar a Irlanda son Elvira Ribeiro e Silvia Penas, “dúas autoras que tratan a poesía como unha profesión que merece e esixe moito traballo e tamén moita dedicación”, subliña Payne en declaracións recollidas por D. Besadío.

As poetas estarán en Dublin, Cork e Galway para participar en festivais e eventos culturais relevantes e de gran difusión como The Cork International Book Festival, The Lingo Spoken Word Festival Dublin e o Centro Irlandés de Estudos Galegos. “Estas catro mulleres representan a vitalidade e calidade da poesía contemporánea en Galicia e Irlanda e son embaixadoras culturais dos seus países”, salienta o responsable do ciclo.

As lecturas 'A Malinche' son, segundo explica o seu impulsor, unha oportunidade de reclamar para Galicia e Irlanda o poder comunicativo da muller na literatura, a ocasión perfecta para expoñer a un público máis amplo, a poesía e cultura de ambas as dúas rexións atlánticas.

“A través da tradución, a voz da poesía contemporánea de mulleres en idioma galego será escoitada por toda a illa de Irlanda, mentres que a das poetas irlandesas en gaélico e inglés será escoitada por toda Galicia”, recalcou Payne, que explicou que o ciclo se bautizou como 'A Malinche', en lembranza dunha das vinte mulleres entregadas a Hernán Cortés cando este chegou ás Américas e se converteu na súa intérprete, tradutora e amante. “A Malinche foi difamada a través da historia, acusada de traizón e sinalada como unha das culpables da conquista española”, explicou o docente.

Nesta primeira sesión do ciclo, a protagonista foi Lorna Shaughnessy, profesora de español na Universidade Nacional de Irlanda, Galway, ademais de autora de tres poemarios, publicados pola editorial Salmon en 2008, 2011 e 2015 e dos que a comunidade universitaria tivo a ocasión de escoitar varias pezas na súa propia voz. “Elixín esta autora pola súa conexión con Galicia e tamén con América Latina”, apuntou Payne, que fixo fincapé en que esta non foi para Shaughnessy a súa primeira visita a Galicia, xa que ela foi a encargada de traducir o libro de Manuel Rivas 'A desaparición da neve'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta