GC Aberto

As liñas vermellas do patriotismo

As "liñas vermellas" que os seus artífices prohiben traspasar, son a argucia coercitiva que á marxe da vontade popular utilizan os falsos patriotas e redomados constitucionalistas como tapadeira, coa finalidade de garantir que todo siga igual.

Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 16/04/2016

Comparte esta noticia

 

Aínda que todo o bolxevique resúltalles urticante, paradoxalmente a súa propensión polo vermello chega ata o desenfreo, iso si,  só  cando o guión dos seus intereses así o esixe, que é xusto  o momento en que tirando de brocha   gorda establecen  "liñas  vermellas" a eito ao só obxecto de obstaculizar  todo aquilo  que xogue na  contra do seu propio status. 

Estraña forma de entender a política   revestindo de tabú o que  en san  exercicio democrático  debese resolverse  a través das urnas.

 

Esa obstinación por ampliar  o marco do prohibido chega a extremos de rozar o   surrealismo, como ocorre,  cando  desde  a política utilízase de forma recorrente o constitucionalismo  e o patriotismo ao só  efecto de rebaixar   a mínimos  dereitos e liberdades.

 

Toda unha ironía, ao ver  como os paladíns  de tan teóricos valores, condescenden, cando é a economía  quen  determina en última instancia, pois cando isto ocorre  e son os mercados quen toma o mando, ese marco de esixencia  queda relegado ao ostracismo e excédese todo límite,  como poñen de relevo  as medidas levadas a termo desde ese mando  real que ademais de subtraer dereitos fundamentais, condúcese  coma referente  da degradación  social e moral  que  vive a Unión Europea con aquiescencia xeneralizada dunha clase  política abominada .

 

Sendo por iso  que mentres  o obxectivo dos   partidos políticos  non mude de finalidade e póñanse  ao servizo da cidadanía,  nula xustificación  terá a súa existencia,   e ningún soporte   a continuidade duns adversos políticos, que en funcións  de liderado, en 30 anos, non foron quen  de facer nada positivo polo país e as súas xentes,   mais alá de reducir a mínimos a súa calidade democrática  con alardes  de patriotismo  verbalistas e entoación de himnos  de vangloria enxalzando aos que a cotío atentan contra a nosa soberanía e sómennos no "austericidio".

 

Unha mostra mais  de degradación política, usando  a    estrutura institucional en detrimento do benestar colectivo, e así, tras o fariseísmo do seu amor á patria   defender solapadamente  o poder dos grupos dominantes na esfera financeira e económica.

 

Cando o benestar da maioría da poboación non conta á hora de definir   o  patriotismo como concepto,   entón, hase de sospeitar que está a ser  utilizado  a propio intento para confundir os intereses xerais  en beneficio  dun  sector minoritario da poboación,  e tal circunstancia vén indicar que   a clase política de sempre , lonxe de defender unha comunidade xusta onde impere a igualdade de oportunidades, ten renunciado a todo código ético  apostando pola continuidade  de manterse  indiferente ante a crecente deterioración  social.

 

Para así mudar  o fundamento constitucional de referencia,  ao só obxecto de que a soberanía nacional  deixe de residir no  pobo e que en substitución sexan os grupos de presión  quen tome o mando efectivo  e as directrices de goberno como verdadeiro poder; actitude que polas súas connotacións   evidencia que salvo concretas excepcións os nosos políticos por mais predicamento que proclamen. distan moito de ser patriotas, e iso é así porque o delata a súa conduta.

 

Mais que noutra actividade, na función política o grao de credibilidade é necesario que manteña  relación directa co resultado dos   nosos propios actos,  que por aquilo da consecuencia, deben sustentar coherencia entre o que dicimos e o  que facemos, para así, non incorrer no antagonismo    de pasar   a defender o que antes denunciábamos.

 

Se así se procedese, esas   "liñas vermellas" de impedimento e prurito partidista, mais alá de poñer  a súa énfase como pedigrí  dun mal entendido constitucionalismo e  bandeira dunha ficticia   unidade de estado,  mais alá de tales citas, a dimensión do  seu alcance debese prohibir a insolente intromisión  dos mercados financeiros en cuestións soberanas de España,  e impedir do mesmo xeito as graves manobras conspirativas  contra a   coalición PSOE-PODEMOS-EU, pola  súa condición  de manipulación da vontade popular e directo atentado contra a  propia democracia.

 

Pero a xulgar polos feitos,  a verdadeira  finalidade  desas "liñas vermellas" pouco ou nada

teñen  que ver  cos fundamentos que sustentan o  Estado de Dereito,  pois a súa fixación  é un mero distintivo de contraste e identificación  política  e feitas por tanto para ser transgredidas en función  á esixencia e conxuntura de cada momento.


Se a estabilidade fose outra,  non estariamos en risco  de ser vítimas dunha subversión de valores, e o marco constitucional  de referencia comportaríase realmente como un referente de garantías, sen posibilitar como é o caso a súa conversión en papel mollado. 

 

Nin  por tanto  daría pé a traer    a colación a Óscar Wilde para confirmar que neste caso,  o patriotismo é a virtude dos depravados

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta