Como poden os nosos avós sacar partido do teléfono móbil?

O concello de Monforte bota a andar o programa “Activa Monforte” para impulsar o uso das novas tecnoloxías, a xerontoximnasia ou obradoiros de memoria entre os máis maiores.

Por X.M. Fernández | Monforte | 19/04/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A concellería de Benestar Social do concello de Monforte acaba de presentar o programa Activa Monforte, un proxecto que está pensado para promover a participación dos veciños e, por outra parte, para posibilitar espazos de encontro entre xeracións. Por iso, as novas tecnoloxías terán un papel importante, especialmente, para os máis maiores.

Unha persoa maior aprendendo a usar o móbil
Unha persoa maior aprendendo a usar o móbil | Fonte: tercerasalud.com

“Segundo os datos que temos, o pasado ano algo máis de 330 persoas anotáronse para participar nas actividades de Servizos Sociais do Concello. Finalmente desa cantidade só 185 puideron asistir ós obradoiros, polo que houbo moita xente que tivo que quedar en lista de espera. Desta volta aumentamos o número de prazas para que 240 persoas poidan realizar algunha das actividades que temos programadas”, destacou a concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada.

Unha das principais novidades deste ano é o obradoiro Como sacar partido ó teléfono móbil, que vai dirixido a persoas maiores de 65 anos. “As novas tecnoloxías xogan un papel fundamental na nosa vida cotiá e, neste escenario, os teléfonos móbiles son parte xa do noso día a día xa que son determinantes para realizar moitas xestións”, apunta Gloria Prada, “por ese motivo, poñemos en marcha un novo obradoiro pensado para os máis maiores da casa. Entre outras cousas, serviralles para aprender, por exemplo, para pedir unha cita médica a través dos seus dispositivos móbiles”, subliñou a concelleira de Servizos Sociais.

A oferta de actividades para persoas maiores de 65 anos vai máis alá e inclúe ademais xerontoximnasia, obradoiros de memoria e ximnasia acuática. Neste caso, cómpre destacar que outra das novidades respecto ás edicións anteriores é que as clases vanse repartir en dous grupos diferentes.

Reciclaxe e costura creativa para todos

Por outra parte, Gloria Prada destacou que outra das novidades da programación deste ano é a posta en marcha dun obradoiro de reciclaxe e costura creativa: “as manualidades sempre tiveron moita demanda. Este ano damos un paso máis e ofrecemos unha actividade relacionada neste sentido coa costura e que, de seguro, vai ser moi interesante para todo o público. Servirá para aprender algunhas técnicas orixinais e así, poder sacarlle máis partido a algunhas prendas de roupa”.  

A programación das actividades de Servizos Sociais contempla outras disciplinas ás que poden optar tódolos públicos: obradoiros de baile, de pintura, de manualidades, de risoterapia, de fotografía e aplicacións web e redes sociais.

O prazo para solicitar estas actividades comeza o día 18 e rematará o vindeiro 25 de abril. As persoas interesadas deberán dirixirse ó Centro Cívico Social ou ben ó Rexistro Xeral do Concello, de 9 a 14 horas.

As actividades levaranse a cabo durante os meses de maio, xuño e xullo deste ano no Centro Cívico Social, ubicado no paseo do Malecón. As bases da convocatoria poden consultarse a través da páxina web do Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta