O Campus do Mar lanza unha convocatoria de bolsas para investigar no estranxeiro

As axudas, de até 3.000 euros, están destinadas a estudantes do programa de doutoramento en Marine Science, Technology and Management (DO*MAR).

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/04/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O Campus do Mar —no que participan as tres universidades galegas, ademais do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO)— lanza unha convocatoria de bolsas para realizar estadías de investigación en universidades e institucións estranxeiras de I+D de referencia internacional destinada aos estudantes do programa de doutoramento en Marine Science, Technology and Management (DO*MAR), matriculados nalgunha das universidades galegas.

Grupo de investigación no Campus do Mar
Grupo de investigación no Campus do Mar | Fonte: Campus do Mar.

As bolsas, de ata 3.000 euros, terán unha duración de 1 a 3 meses durante este ano e o prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 16 de maio de 2016.

A estratexia de internacionalización do Campus do Mar contempla entre outras accións potenciar a mobilidade nas áreas de docencia e de investigación coa finalidade de incrementar o nivel de excelencia científica, o dinamismo e a capacidade de abordar novas liñas de investigación e mellorar as existentes.

O programa de doutoramento DO*MAR é un exemplo de titulación conxunta transnacional que segue as recomendacións da Estratexia para a Internacionalización das Universidades Españolas. Sobre a base deste principio, a presente convocatoria de bolsas ten como obxectivo facilitar a estadía de estudantes de doutoramento do Programa DO*MAR en universidades e centros de investigación de recoñecido prestixio internacional para mellorar a súa formación, e adicionalmente, establecer novos vínculos académicos e de investigación, ou fortalecer os existentes, entre as institucións do Campus do Mar e as de destino.

Concretamente, a convocatoria pretende que os estudantes poidan avanzar na actualización dos seus coñecementos, desenvolvendo investigacións específicas, aprender novas técnicas e métodos, ou completar a súa formación e especialización.

Esta convocatoria enmárcase dentro das axudas para a consolidación de proxectos de excelencia das universidades españolas lanzadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, informa o Campus do Mar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta