A Xunta foi consciente de que estaba poñendo en perigo aos pacientes de hepatite C cos recortes

O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra envioulle unha misiva ao agora investigado, Félix Rubial, denunciando que en Galicia estábanse empregando “criterios restritivos” e que as “limitacións orzamentarias” puñan en perigo aos pacientes desta enfermidade.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/04/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Félix Rubial Bernárdez, ex director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e  actual xerente do Chuvi, estaba ao tanto das dificultades que a Xunta estaba poñendo aos enfermos de hepatite C para acceder aos medicamentos.

Enfermos de hepatite nunha das súas protestas
Enfermos de hepatite nunha das súas protestas | Fonte: Facebook

Rubial, que é un dos dous altos cargos da Xunta investigados (imputados) por prevaricación administrativa tras atrasar o tratamento da  hepatite C, recibiu en febreiro de 2015 unha misiva do secretario xeral do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, Pedro Silva Arochena, na que denunciaba que as “limitacións orzamentarias” da Xunta poderían poñer en perigo a vida de pacientes de hepatite C.

“Non podemos compartir e non compartimos que aplicando criterios economicistas non se inclúan nos tratamentos cos mencionados antivirais a pacientes en estadio METAVIR F3 e que estes enfermos teñan que agardar a que, como consecuencia da progresión da súa enfermidade, acaden un estadio evolutivo superior METAFIR F4, no que xa existe un dano hepático maior que nalgúns casos pode ser irreversible”, apuntaba Silva Arochena nesta carta.

Ademais, este profesional médico denunciaba que en Galicia estábanse empregando “criterios restritivos” cos pacientes de hepatite C. “Por todo isto, lle pedimos encarecidamente que, como médico e responsable asistencial, defenda que na Comunidade Autónoma de Galicia se trate tamén cos novos fármacos aos pacientes con Heparite C crónica estadio METAVIR F3”, concluía.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) remitiulle esta misiva ao GC tras as declaracións deste luns do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que acusaba a este colectivo de ser o responsable do tratamento aos pacientes. 

Quen o deciden son os médicos e son eles os que decidiron os tratamentos dos pacientes. A fiscalía está no seu pleno dereito de presentar unha denuncia e nós de darlle conta das actuacións que imos seguir adoptando en relación coa hepatite. No 99% dos enfermos que chegaron á comisión [técnica da Xunta que analiza as peticións de tratamentos], os médicos dixeron si a ese tratamento", apuntaba Feijóo nun acto en Madrid.

Precisamente, esta misiva foille remitida a Rubial un mes antes de que o doutor Varo decidira presentar unha denuncia ante a Fiscalía que, finalmente, motivou a imputación dos dous altos cargos da Xunta, entre eles, o propio Rubial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta