O último arpoador galego de baleas

Miguel López Pérez, cazador de baleas durante tres décadas, explica a dúas alumnas do CPI dos Dices, en Rois, a súa vida no mar como arpoador.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/04/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

"Eu fun mariñeiro por equivocación". Con esta declaración comeza Miguel López Pérez o relato da súa vida, recollido nunha entrevista feita por dúas alumnas do CPI dos Dices en Rois (A Coruña), dentro do proxecto 'Historia dunha balea' e que van presentar ao Congreso Escolar do Ceida.

A caza da balea en Galicia.
A caza da balea en Galicia.

Coa súa familia materna e paterna en Arxentina, Miguel decidiu embarcarse nun dos antigos baleeiros galegos que partían cara á caza dos grandes cetáceos décadas atrás, coa intención de conseguir cartos para ir cos seus parentes no país sudamericano.

Miguel relata como pasou tempadas de meses no mar á caza de baleas, dende o ano 1953 até 1985, dous anos antes de xubilarse. Ao final, di, aquela empresa converteuse nunha "rutina".

Como ben explican as autoras desta videoentrevista, Miguel López Pérez é "a memoria viva do que foi a caza de baleas en Galicia no seu período álxido".

Na entrevista, este veterán arpoador conta como se achegan ás mandas de baleas nas augas galegas e as cazaban con cañóns de arpóns para logo levalas ás distintas factorías baleeiras que existían en Galicia. 

Miguel López Pérez, o último arpoador galego.
Miguel López Pérez, o último arpoador galego.

Os barcos galegos se dedicaban por entón principalmente á caza dos cachalotes, dos que Miguel lembra que chegaron a capturar até dez nunha soa xornada, á altura de Fisterra, dos cales sete puideron ser levados á factoría.

"O que máis abundaba nas factorías nosas era o cachalote", lembra Miguel, quen sen embargo matiza que "a que levábamos máis ultimamente, que era o que lle interesaba aos xaponeses, era a balea fin", o segundo animal de maior tamaño no mundo, tras a balea azul, máis raras nas augas galegas e portuguesas, segundo rememora este arpoador.

Destes animais se aproveitaba practicamente "todo", explica Miguel, quen comenta que a prioridade era que a carne chegara a terra en boas condicións. 

Na entrevista tamén intervén o fillo de Miguel, de mesmo nome, quen lembra como a súa nai preparaba os filetes de balea primeira desangrándoos en leite, de xeito que "ese sabor de pescado lo perdía" e logo a nai preparábao con salsa de tomate.

Pero a balea tamén servía para "cosméticas, lubricantes...". Mesmo os xaponeses, acostumados a visitar as factorías galegas, pedían aos baleeiros galegos as vísceras. "Os xaponeses levaban todo", lembra o pai.

A partir da década dos oitenta, a poboación de baleas diminuíu e a presión dos grupos ecoloxistas puxo fin a mediados desa década coa industria baleeira en Galicia. "A quen menos nos interesaba que se acabase coas baleas era a nós, ao que vive diso", argúe Miguel, quen prosegue no seu relato: "Greenpeace meteuse con nós", rememora, explicando que na última etapa da caza de baleas había moitas restricións. "Eu entendo aos ecoloxistas", explica Miguel, quen sen embargo se laia de que os barcos e as factorías galegas eran o obxectivo das campañas contra as cazas da balea mentres, di, factorías flotantes como as rusas ou as norueguesas, esquivaban aos ecoloxistas.

Agora, Miguel pregúntase "por que non houbo moratoria" para os cazadores xaponeses ou rusos. E ten claro, botando a vista atrás, que "voltaría de arpoador".

Velaquí a entrevista completa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Jose_

Explicando a alunos dum liceu como torturar e assassinar animais... Optimo!!! Vamos progressando...

1 Carlosub

Precioso, Un bo exemplo para os rapaces.. menos mal que non temos unha festa da balea senon todos os verans teríamos churrasco de Balea para todos..Noraboa os que fixeron por darlle publicidade a iste matarife, moi chulas as fotos da desfeita