Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 22/04/2016 | Actualizada ás 14:59
A filtración dos documentos de Edgweater procedentes da súa demanda contra a Xunta segue a dar que falar. Son varias as organizacións ecoloxistas que están a criticar o papel da Administración, malia que finalmente denegou o permiso para a mina de ouro en Corcoesto.
A liña de argumentación dos ecoloxistas pasa por salientar que as denuncias da empresa de presunta petición de subornos por parte de “amigos de Feijóo” prodúcense despois dun sorprendente cambio de criterio no Goberno Galego.
Nun comezo, a Xunta apoiou abertamente a mina. O propio presidente do Exectivo chegou a prometer en rolda de prensa que “a explotación da mina de ouro de Corcoesto suporá un investimento de 110 m€ e preto de 1.400 postos de traballo”. Alberto Nuñez Feijóo tentaba calar así as numerosas voces críticas co argumento do emprego. Consecuentemente, a Administración aproboulle a Edgewater a Declaración de Impacto Ambiental. O mandatario mesmo indicou que a aprobación final era cuestión de meses e o Telexornal da TVG deuno por feito:
O apoio foi tal que a propia Edgewater chegou a incluír na súa web os vídeos coas declaracións do mandatario nas roldas de prensa na sede da Xunta. As palabras de Feijóo servían para atraer investidores e de feito seguen na portada da web.
Sorprendentemente, esta lúa de mel rompeuse na recta final. A Xunta desbotou in extremis a macromina a ceo aberto alegando sobre todo dúbidas sobre a solidez económica do proxecto.
Que motivou tal cambio de criterio? Segundo se desprende dun email do CEO de Edgewater, a negativa a pagar subornos. Unha sospeita que comparten moitos dos que no seu día loitaron contra a mina.
Por exemplo, Amigos da Terra anunciou que solcitará á Fiscalía unha exhaustiva investigación desta presunta trama. “Pediremos que estenda as súas pescudas ata a aprobación da, máis que cuestionable, Declaración de Impacto Ambiental (DIA) de 2012 por si esta puidera xa terse visto condicionada ou influída como parte da presenta trama corrupta" apunta Ángel Dorrío, voceiro da organización.
A Sociedade Galega de Historia Natural é outro dos colectivos que tentará ser parte no preito que está a instruír o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. E promete facelo con documentación que indicaría que a Xunta favoreceu indebidamente a aprobación da DIA.
O colectivo ambientalista informa que “dende hai xa tempo obran en poder de SGHN documentos sobre os ‘renglóns torcidos ambientais’ do proxecto mineiro de Corcoesto. Como o proxecto estaba paralizado, SGHN considerou oportuno gardalos por se fixesen falta, pois é frecuente que as ameazas ambientais como a de Corcoesto reaparezan cíclicamente. Reaparecida a ameaza da mina de Corcoesto coa demanda de Edgewater Exploration, nos próximos días SGHN entregará copia dos documentos á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por se considera oportuno incluilos na tramitación da demanda”. A SGHN está convencida de que houbo “renglóns torcidos” na aprobación da DIA.
Salvemos Cabana tamén se pregunta publicamente por que a Xunta aprobou a DIA sabendo como sabía da perigosidade da macromina. “A Administración galega tomou a decisión acertada ao cancelar o proxecto de Corcoesto pero non é comprensible como, coa problemática asociada a este tipo de proxectos puido aprobar a DIA, que facilitaba enormemente os plans da empresa”, lembra este grupo da comarca de Bergantiños, un dos máis activos na gran mobilización contra a industria.
A polémica tamén continuará na vertente política, pois o deputado Antón Sánchez (Alternativa Galega de Esquerdas) xa anunciou que o seu grupo pedirá explicacións no Parlamento sobre as denuncias de Edgewater. Mentres tanto, e tras a filtración de parte do sumario, Edgewater garda silencio, pendente de lograr os 80 millóns que pide de indemnización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.