Reunión de “directivo de medio de comunicación nacional” para salvar Corcoesto, di Edgewarter

Un magnate da prensa e un directivo dunha compañía do IBEX 35 "do agrado do Goberno da Xunta" ofreceron “prestacións” ao presidente da empresa canadense nunha reunión en Madrid, segundo Edgewater, quen pide á Xustiza que aprobe a mina ante a “arbitrariedade” da Xunta.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela / Madrid | 23/04/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Edgewater incluíu na súa demanda contra a Xunta a descrición dunha reunión para salvar a mina de Corcoesto. Nesa xuntanza, segundo a mineira, participaron por unha banda o presidente da compañía canadense e pola outra un directivo dunha empresa española do IBEX 35 do "agrado do Goberno da Xunta" e “outro directivo dun medio de comunicación de tirada nacional”.

Parte da demanda xudicial de Edgewater, mineira de Corcoesto, na que relata unha suposta reunión do presidente da mineira cun directivo dun medio de comunicación e un empresario do IBEX 35
Parte da demanda xudicial de Edgewater, mineira de Corcoesto, na que relata unha suposta reunión do presidente da mineira cun directivo dun medio de comunicación e un empresario do IBEX 35

O obxectivo da reunión en Madrid era salvar as reticencias do Goberno Galego para autorizar a macromina de ouro. A empresa española -que xa reunira coa Xunta "ao máis alto nivel- e o directivo da prensa ofrecéronlle ao presidente de Edgewater,  de acordo ao relato dos canadenses, “determinadas prestacións”.

A demanda presentada ante o TSXG non indica cales eran esas “prestacións”, pero deixa claro que finalmente non houbo acordo entre os empresarios.

Na documentación presentada no recurso contencioso-administrativo, Edgewater tamén incluíu, como se sabe, un email interno no que o seu CEO acusa á Xunta de non autorizar a mina por non teren accedido a supostos favores que lle pediran “amigos do presidente”.

Para entender o contexto da reunión cómpre lembrar a cronoloxía do falido proxecto. Edgewater fixo un multimillonario investimento (8 millóns só na compra dos dereitos) co que logrou superar case todas as fases para a autorización. Os americanos tamén gañaron inicialmente o favor do PP. En xuño de 2012 o propio Alberto Nuñez Feijóo prometeu na rolda de prensa do Consello da Xunta que “a mina de ouro de Corcoesto suporá un investimento de 110 m€ e preto de 1.400 postos de traballo”. O mandatario mesmo dixo que a aprobación definitiva sería antes de acabar 2012. A Xunta aprobou a polémica Declaración de Impacto Ambiental (DIA) e os alcaldes locais e os conselleiros emitiron os preceptivos informes favorábeis. 

Sorprendentemente, e nun golpe de efecto, Feijóo anuncia en outubro, en pleno Debate do Estado da Autonomía, que non haberá mina. Entre outras razóns, o líder do PPdeG alega que o proxecto carece de “suficiente compromiso económico” e “suficiente compromiso co país”. 

Edgewater coñecía as reticencias da Xunta dende hai tempo, polo menos, dende ese verán. Por iso botou meses buscando un “socio local” que servira para convencer á Xunta. Logrou reunións con outros responsábeis da Xunta para presentar os seus avais -incluídos 120 millóns depositados nun banco procedentes de investidores internacionais- e finalmente logrou sumar a unha das empresas españolas máis importantes, unha empresa coa que o relato da mineira di que a Xunta non tivo problemas para reunirse ao "máis alto nivel". Daquela foi cando o presidente da compañía acudiu a Madrid para reunirse co posíbel inversor español e, sorprendentemente, cun directivo dun medio de comunicación de alcance estatal. 

Que facía un directivo da prensa intermediando para salvar a mina a ceo aberto de Corcoesto? Cal era a empresa española interesada en investir? Que lle ofreceron ao presidente da mineira? Edgewater evita incluír a resposta a estas cuestións na demanda interposta ante a Xustiza, á que accedeu GC.

O que si deixa claro a versión da empresa é que a negativa administrativa final non se debeu a cuestións técnicas ou de solvencia económica, como di a Xunta. Na demanda detalla ducias de informes favorábeis de varias consellerías, incluída a de Economía. A mineira láiase que durante os anos de tramitación do proxecto a Xunta non advertiu de problemas de solvencia económica nin doutra índole até a recta final o final. Ante esta “arbitrariedade e discriminación”, Edgewater, a través da filial Mineira de Corcoesto, reclama ao TSXG declare o proxecto aprobado por silencio administrativo.  

Este é o texto do email de George Salami ao responsábel de Mineira de Corcoesto, a súa filial española, inicialmente publicado por InfoLibre este luns:

“Hola, Lluis. Estoy seguro de que ha sido un día triste, efectivamente. Teníamos tantas esperanzas en poder avanzar con el proyecto. Ahora mismo no alcanzo a ver que podíamos haber hecho de manera distinta -- a parte de pagarles $$$$ a los políticos. Esto hubiera sido fácil y cualquiera puede hacerlo, pero no encaja con los principios fundamentales de acuerdo a los cuales hacemos negocios. Lo irónico es que me fui de Venezuela hace 5 años, buscando un buen lugar donde hacer negocios, y sobre esta base elegí España. Desgraciadamente ahora veo muy poca diferencia entre el gobierno de Venezuela y la manera en que la Xunta nos esta tratando. De hecho, los caminos han sido casi idénticos. La lenta erosión de derechos, la denegación de permisos, inventando leyes nuevas y decretos por el camino para pararnos, "amigos" del presidente que vienen a nosotros con ofertas de "ayuda" (que generalmente quiere decir $$ en una maleta Samsonite), etc etc. Es exactamente

lo que Hugo Chávez hizo con Rusoro antes de quitarnos el proyecto directamente (que es lo que la Xunta va a hacer con nosotros pronto)... Me gustaría hacer esta comparación Galicia - Venezuela en la prensa, porque es cierta. Pero por ahora, supongo que tengo que guardar silencio. En términos de equipamiento, vende lo que puedas.

Gracias, Lluis.

George”

Ante a avalancha de críticas suscitadas pola publicación de detalles da demanda, a Xunta respondeu que as insinuacións de subornos e a comparación con Venezuela lle parecen inamisibles. O Goberno Galego mesmo di que está a estudar demandar á mineira polas filtracións e as súa acusacións. 

Quen non dixo nada polo de agora é o presidente da Xunta. A Alberto Nuñez Feijóo esta polémica colleulle de viaxe. Non é a primeira vez que o mandatario está lonxe cando salta unha cuestión así de difícil. Desta volta marchou a visitar Sudamérica, co motivo oficial de asistir á Feira do Libro de Bos Aires.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Néspera

- Que facía un directivo da prensa intermediando para salvar a mina a ceo aberto de Corcoesto? Bieito Rubido, reclamando modélicas e redondas cantidades de euros a cambio de promocionar o desembarco de Feijoo en Madrid. - Cal era a empresa española interesada en investir? Sacyr. O amigo Loureda, devolvendo favores: http://www.economiadigital.es/gles/... - Que lle ofreceron ao presidente da mineira? Máis que ofrecer, pedíronlle moreas de euros para desbloquear o proxecto, a repartir entre Rubido, Feijoo, Tahoces e algún máis... Veña, a investigar, que volo imos agradecer :)

1 eusi

PPodres PPodres moi PPodres

1 ti tamén? bruto, fillo...

e$$pañois e$$pañois moito lixo e$$panholeiro, explotador, corrupto e colonialista.