Leyma golpea primeiro

Básquet Coruña gaña 90-86 a Breogán e ponse 1-0 na eliminatoria ao mellor de cinco partidos. Os de Tito Díaz, que tiveron ata 32 tiros libres, anotaron 56 puntos tralo descanso. O domingo as 12.00 horas, segundo asalto en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 23/04/2016 | Actualizada ás 08:26

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Leyma Coruña 90:
Joan Creus (12), Ben Stelzer (10), Ángel Hernández (0), Beka Burjanadze (20), Sergio Olmos (15) –cinco inicial- Chus Castro (6), Larry Abia (2), Zyle (5), Zach Monaghan (11), Dago Peña (9) e Tomas Hampl (0).
CB Breogán 86: Llorente (9), Álex López (0), Jeff Xavier (30), Fede Ucles (3), Devin Wright (12) –cinco inicial- Pep Ortega (17), Matulionis (3), Mamadou Samb (12) e Dani López (0).
Parciais: 22-22, 12-18 (34-40), 28-22, 28-24 (90-86).
Árbitros: Jorge Muñoz García e Cristián García Rodríguez. Eliminaron por cinco faltas persoais e Sergio Olmos no Leyma e a Sergio Llorente no Breogán.
Incidencias: primeiro partido dos cuartos de final do play-off polo ascenso á ACB no pavillón municipal de Riazor ante arredor de 3.500 espectadores.

Jeff Xavier, autor de 30 puntos e 7 triplas, lanza a canastra.
Jeff Xavier, autor de 30 puntos e 7 triplas, lanza a canastra. | Fonte: @CBBreogan

Laiouse Quique Fraga ao final do partido pola diferenza de tiros libres (32 para Leyma, 18 para Breogán), pero os de Tito Díaz estiveron máis acertados no segundo tempo (56 puntos en 20 minutos) e xogaron mellor os minutos decisivos dun primeiro e espectacular #derbiromano. Co partido igualado, Zach Monaghan anotou dúas triplas (a segunda, contra taboleiro) que deron a Leyma Coruña seis puntos de vantaxe que acabaron por ser decisivos. Ao final, 90-86 e primeiro asalto para Básquet Coruña. O segundo, domingo ás 12.00 horas.

O Breogán contou con só oito xogadores, xa que Dani López apenas puido participar e Rakocevic non saiu do banco. Nos de Tito Díaz, seis xogadores con 9 puntos ou máis e a parella Sergio Olmos-Beka Burjanadze aportou 35 puntos. Jeff Xavier anotou 30 puntos e sete triplas para os lucenses, pero Leyma gañou a batalla do rebote (37-28). Mal partido de Álex López, que non anotou en case 29 minutos no campo, e Matulionis, con 3 puntos e 0 de valoración.

Primeiro cuarto dun ritmo trepidante. Sen agardar por ninguén, dous equipos lanzados ao ataque. Dúas triplas de Jeff Xavier e unha de Pep Ortega nada máis saír do banco deron a primeira vantaxe a Breo (9-15). Pero os coruñeses reaccionaron da man de Joan Creus, que anotou tres triplas. Máxima igualdade tralos dez primeiros minutos: 22-22.

Pagáronse os excesos, e o segundo cuarto comezou sen tino. Apenas canastras nos primeiros cinco minutos, e 27-26 para Leyma, que xa alternaba defensas pero perdía moitos balóns en ataque. O Breo optou por catro exteriores e con triplas de Xavier e Matulionis volveu abrir oco: 27-34 e tempo de Tito Díaz. Os coruñeses tentaron achegarse, pero Jeff Xavier anotou outra tripla e Breogán mandaba ao descanso 34-40, con 5 de 8 de Xavier dende 6,75.

Un parcial de 7-0 para Leyma volveu apertar o marcador: 41-42 e tempo morto de Quique Fraga, pero Burjanadze dalle a volta ao partido cunha tripla (48-46). Terceiro cuarto con alternativas no marcador e moitas faltas. Sergio Olmos aportaba na pintura para os coruñeses, pero respostaba Samb para os lucenses. A dez minutos do final, todo por decidir con 62-62.

Creus e Stelzer anotaron dende 6,75 e Quique Fraga parou o partido con 68-64 tras minuto e medio disputado. Como non, tripla de Xavier, canastras de Pep Ortega e Wright e Llorente que pon o Breo arriba (74-75) dende 6,75. Foi a última vantaxe lucense. Tripla de Monaghan e Leyma abre un pequeno oco (83-77). Con coraxe, os lucenses achéganse pero Zach Monaghan anota outra tripla imposible (86-80) e deixa ao Breogán sen tempo para a reacción. Ao final, 90-86, primeiro asalto para o Leyma. O domingo, segundo capítulo do #derbiromano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta