Acusan ao PP de roubar dous discos duros e borrar datos no Concello de Ribadumia

O concello denunciou nos xulgados uns feitos que tiveron lugar un día antes de tomar posesión o novo goberno tripartito. Piden a comparecencia da ex alcaldesa do PP en calidade de investigada.

Por Galicia Confidencial | Ribadumia | 24/04/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Concello de Ribadumia, municipio natal do ex alcalde da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, podería converterse nun segundo Gürtel. O novo goberno municipal --un tripartio-- denunciou no xulgado o roubo de dous discos duros e o borrado dunha serie de datos nos seus servidores informáticos, feitos polos que solicitan que compareza en calidade de investigada a exalcaldesa Salomé Pena (PP) e a empresa responsable do mantemento informático.

Membros do tripartito de Ribadumia
Membros do tripartito de Ribadumia | Fonte: DA

O goberno municipal, a principios deste ano, solicitou unha auditoría externa tras detectar de maneira "circunstancial" unha serie de incidencias nos servidores informáticos que almacenan toda a información relacionada coa xestión administrativa do Concello. Nesta auditoria comprobouse a "imposibilidade" de recuperar os datos borrados do servidor ao ser "sobrescrito" con caracteres hexadecimales aleatorios, segundo indica a denuncia.

Por iso, o concello entende que estes feitos poden ser constitutivos dun delito de danos contra a administración pública e que se puido vulnerar a Lei de Protección de Datos, polo que solicitan ao xulgado que se investiguen estes feitos para aclarar as "posibles responsabilidades" legais e penais que puidese haber.

A auditoría tamén revelou que non se poden restaurar as copias de seguridade do servidor informático con anterioridade ao 12 de xuño de 2015 -un día antes da toma de posesión do novo goberno-, a pesar de que o sistema estaba programado para conservalas durante 894 días.

Ademais, desapareceron os dous discos duros que almacenaban as copias realizadas e que foron substituídos o 11 de xuño dese mesmo ano.

O Concello, cuxo alcalde David Castro --independente-- lidera un tripartito composto por Independentes de Ribadumia, Somos Ribadumia e o PSOE, sinalou que ditos servidores están situados nunhas dependencias "ás que só tiñan acceso" o persoal de mantemento informático e os membros do anterior goberno municipal.

"É máis que evidente a gravidade destes feitos, así como os posibles delitos cometidos polas persoas que, tanto pola súa acción directa como pola omisión da súa deber de garda e custodia e boa xestión dos datos, propiciaron que se cometesen", destacaron os membros do equipo de goberno tripartito.

Con esta denuncia, o concello quere tamén "salvagardar" a posición do propio concello ante unha posible "mala utilización ou uso" dos datos que contiñan os discos duros subtraídos.

A pesar diso, o actual equipo de goberno quixo aclarar que non está a facer "ningún tipo de acusación directa contra ninguén", senón que tan só quixeron pór os feitos en coñecemento da xustiza aínda que indican "os nomes da persoa e das empresas responsables da xestión informática no momento no que sucederon os mesmos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dupont

Que lhes passa a estes do PP com os discos rígidos. Será algumha fobia? ou se quadra umha filia?