Volve o mellor Obra

O equipo compostelán gaña 88-69 con contundencia a UCAM Murcia e acada a oitava vitoria do curso tras seis derrotas consecutivas. Non gañaba en Sar dende o 3 de xaneiro. Kolesnikov anotou cinco triplas e MVP para Angelo Caloiaro.

Por gcdeportes | Compostela | 24/04/2016 | Actualizada ás 00:11

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Obradoiro 88:
Donnie McGrath (12), Tyler Haws (7), Bendzius (8), Alec Brown (5), Aleks Maric (7) -cinco inicial- Triguero (7), Pustovyi (0), Kolesnikov (19), Santi Yusta (9), Angelo Caloiaro (14), Pepe Pozas (0) e Fran Cárdenas (0).
UCAM Murcia 69: Facundo Campazzo (2), Scott Wood (8), Sadiel Rojas (5), José Ángel Antelo (13), Vitor Faverani (14) -cinco inicial-, Yanick Moreira (10), Vitor Benite (8), Carlos Cabezas (3), Nemanja Radovic (6) y Thomas Kelati (0).
Parciais: 26-13, 14-17 (40-30), 29-14, 19-25 (88-69).
Árbitros: Vicente Bultó, Óscar Perea e Pedro Munar. Eliminaron o local Triguero por cinco faltas persoais.
Incidencias: partido da 29ª xornada da Liga ACB disputado no Fontes do Sar ante 5.838 espectadores.

Tardou máis de 36 minutos UCAM Murcia en coller o seu primeiro rebote ofensivo. No momento decisivo do curso, Obradoiro recuperou os seus sinais de identidade, intenso en defensa, loita por cada balón, acerto en ataque, e pasou por riba dun inocente rival, que apenas opuxo resistencia. Obradoiro chegou dez arriba ao descanso (40-30), e Evgeny Kolesnikov, con catro triplas consecutivas, rachou o partido no terceiro cuarto. Ao final, 88-69, oitava vitoria tras seis derrotas consecutivas. A afección, que encheu Sar e empurrou o equipo como nas grandes citas, non vía gañar os seus dende o 3 de xaneiro.

Os xogadores do Obradoiro celebran a vitoria contra Murcia.
Os xogadores do Obradoiro celebran a vitoria contra Murcia. | Fonte: ACBPhoto

Entrou decidido o Obra a polo partido, malia as dúas tempraneiras faltas de Alec Brown e Aleks Maric. O noiés Antelo anotaba para Murcia e tras cinco minutos o choque seguía igualado (8-8). Pero a segunda tripla de Donnie McGrath e a primeira de Bendzius abriron oco: 16-8. UCAM parou o partido, pero Santi Yusta anotou 8 puntos e a vantaxe pasaba xa dos dez puntos (26-13) ao remate do primeiro cuarto. Equipo e afección sabían da importancia do triunfo, e estaban metidos de cheo no partido.

Faverani asumiu o mando de Murcia, que freou o acerto obradoirista cunha defensa en zona. Oito puntos do pivote brasileiro e un contraataque rematado por Radovic achegou ao equipo murciano (34-28). Moncho Fernández parou o partido e dúas canastras de McGrath devolveron a iniciativa aos galegos. Caloiaro puxo o 40-30 no marcador ao descanso.

Era o debut de Evgeny Kolesnikov no Fontes do Sar, e foise ovacionado polo obradoirismo. Catro triplas consecutivas e unha canasta en apenas catro minutos fixeron medrar a vantaxe ata os 22 puntos (54-32). Antelo loitaba só nos murcianos, pero Caloiaro loitaba por cada balón e o Obra chegou aos últimos dez minutos con 69-44 tras un parcial de 29-14.

Sobrou o último cuarto, con Sar xa celebrando a vitoria. Antelo anotou dende 6,75, pero Murcia concedía canastras inconcibíbeis, como un mate de Caloiaro tras asistencia de McGrath tras saque de fondo. A vantaxe era demasiada para un Murcia sen argumentos, Kolesnikov anotou a súa quinta tripla e Obradoiro deixouse ir ata o 88-69 final. Agora, agardar polo resultado de Estudiantes. O vindeiro domingo, visita ao Real Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta