Un punto balsámico de récord

O Deportivo acada co Eibar un novo empate (1-1) e suma o 18º no que vai de Liga, récord absoluto en Primeira División. Un gol de Fede Cartabia igualou o tanto tempraneiro de Adrián González. Xetafe, vindeiro rival en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 24/04/2016 | Actualizada ás 01:05

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
SD Eibar 1:
Asier Riesgo; Capa, Dos Santos, Iván Ramis, David Juncà; Keko Gontán (Radosevic, 88’), Escalante, Adrián González, Hajrovic (Jota Peleteiro, 67’), Sergi Enrich e Borja Bastón (Saúl Berjón, 78’).
RC Deportivo 1: Manu Fernández; Laure, Arribas, Sidnei, Juanfran; Fede Cartabia (Jonás, 88’), Pedro Mosquera, Celso Borges, Faycal Fajr (Cani, 71’); Oriol Riera e Lucas Pérez.
Goles: 1-0: Adrián González (minuto 7). 1-1: Fede Cartabia (minuto 70).
Árbitro: Eduardo Prieto Iglesias (navarro). Amarela ao deportivista Faycal Fajr (53’).
Incidencias: partido da 35ª xornada da Liga BBVA no estadio de Ipurúa ante 4.606 espectadores, entre eles varios centos de afeccionados deportivistas. Fernando Navarro caeuse do once inicial a última hora por unha gastroenterite.

Sidnei regala a súa camisola a afeccionados deportivistas en Ipurúa.
Sidnei regala a súa camisola a afeccionados deportivistas en Ipurúa. | Fonte: lfp.es

Trala goleada encaixada co Barça, un punto balsámico cara a certificar a permanencia. Un novo empate, 1-1 co Eibar en Ipurúa, e van xa 18 nesta Liga en 35 xornadas. Un récord histórico. Como hai sete días en Sevilla, co mínimo esforzo tras 45 minutos iniciais pésimos. Xa no minuto 7, encaixou o Dépor un novo gol a balón parado. Fede Cartabia, o mellor dos deportivistas, igualou o marcador no minuto 70. Un punto que non serve para despexar as dúbidas trala malleira encaixada en Riazor contra o líder.

Adiantouse axiña o Eibar no marcador. No primeiro saque dende o curruncho, a defensa deportivista nos acertou a despexar e o rexeite chegoulle a Adrián González, quen disparou a meta, o balón petou en Oriol Riera e acabou entrando na portaría de Manu Fernández. Co marcador en contra, apenas variou o ritmo o Dépor, como se non se xogase nada. O Eibar xogaba cómodo e agardaba no seu campo por unha contra; o Dépor tiña máis posesión pero sen ningunha intención. O ex-deportivista Borja Bastón tivo unha boa ocasión para o segundo, pero o disparo foiselle alto. Catro lanzamentos de córner consecutivos tiveron os de Víctor Sánchez del Amo, pero sen consecuencias. As dúas únicas ocasións partiron de Lucas Pérez, pero Fayçal Fajr rematou desviado e Oriol Riera non chegou ao balón que se paseou pola área eibarresa. Pouco máis ofreceu o Dépor na primeira parte, como nos primeiros trala reanudación.

O bosníaco Izet Hajrovic estivo a piques de sentenciar o partido cun lanzamento de falta á trabe da portaría de Manu Fernández, pero Fede Cartabia avisara antes cun remate na área que se foi por escasos centímetros. O Eibar meteuse máis atrás, e o Dépor amosou máis intención, sobre todo Sidnei coas súas subidas ao ataque. O central brasileiro meteu un balón a área a Borges e este a Fede Cartabia, que desperdiciou unha ocasión de perigo cun remate desviado. De novo Sidnei arrincou a xogada de ataque do Dépor, desta volta para Lucas Pérez, e o centro do coruñés foi aproveitado por Fede Cartabia cun lanzamento raso e cruzado ao segundo pau que sorprendeu a Asier Riesgo, tapado polos seus defensores.

Inmediatamente, Víctor, que deixou un troco sen facer, meteu a Cani no canto de Fayçal Fajr, pero con vinte minutos por diante apenas quedaban folgos para nada máis. Tamén entrou Jonás, pero máis por perder tempo, xa no minuto 88. A última ocasión do Eibar volveu amosar os problemas defensivos do Dépor a balón parado: Dos Santos rematou só coa testa o último córner local; Manu Fernández detivo sen problemas ben colocado. Deste xeito, o Dépor sumou un novo empate, o 18º en 35 xornadas.

Os xogadores deportivistas celebran o tanto do empate de Fede Cartabia.
Os xogadores deportivistas celebran o tanto do empate de Fede Cartabia. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta