O Breo empata a serie

O equipo lucense gaña 85-90 a Básquet Coruña liderado por un espectacular Osvaldas Matulionis, autor de 33 puntos con oito triplas. 1-1 na eliminatoria e o venres ás 21.00 horas, terceiro asalto do 'derbi romano' en Lugo.

Por gcdeportes | A Coruña | 24/04/2016 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Leyma Coruña 85:
Zach Monaghan (13), Chus Castro (11), Larry Abia (3), Beka Burjanadze (17), Sergio Olmos (20) –cinco inicial- Ben Stelzer (6), Dago Peña (6), Joan Creus (5), Zyle (2), Ángel Hernández (0) e Tomas Hampl (2).
CB Breogán 90: Sergio Llorente (11), Álex López (10), Jeff Xavier (13), Pep Ortega (7), Devin Wright (4) -cinco inicial- Mamadou Samb (12), Matulionis (33), Dani López (0) e Fede Ucles (0).
Parciais: 16-26, 19-25 (35-51), 21-21, 29-18 (85-90).
Árbitros: Carlos García León e José María Terreros San Miguel. Eliminaron con cinco faltas persoais a Sergio Olmos.
Incidencias: segundo partido dos cuartos de final polo ascenso á ACB no polideportivo municipal de Riazor ante arredor de 4.000 espectadores. O comisario da FEB cortou o himno galego alegando a necesidade de principiar con puntualidade.

Matulionis, un pesadelo para o Leyma cos seus 33 puntos e oito triplas.
Matulionis, un pesadelo para o Leyma cos seus 33 puntos e oito triplas. | Fonte: @CBBreogan

Foi superior o Breo no segundo asalto. Coa lección aprendida do primeiro choque, saiu intenso e concentrado, consciente da súa necesidade de vitoria. Abriu oco xa no primeiro cuarto (16-26), chegou ao descanso 35-51 e aguantou as tentativas de reacción do Leyma Coruña nos dous últimos cuartos, sobre todo grazas ao acerto dun espectacular Osvaldas Matulionis, que rematou con 33 puntos e oito triplas. 1-1 na eliminatoria, e a serie que se traslada a Lugo para o terceiro e cuarto choque.

Foron os primeiros minutos de tanteo, co marcador igualado (16-15). Álex López e Llorente sumaban para os lucenses, e Chus Castro e Burjanadze para os locais. Pero os de Quique Fraga apertaron en defensa e Leyma quedouse paralizado nos 16 puntos. Breogán, cun parcial de 0-11, pasou dun 16-15 ao 16-26 co que rematou o primeiro cuarto. Os exteriores lucenses -Sergio Llorente, Álex López e Matulionis- sumaban xa 21 puntos.

Burjanadze anotaba para Leyma, pero con 22-29, dúas triplas de Mamadou Samb e Matulionis permitiron ao Breo marcharse aínda máis no marcador. Tempo de Tito Díaz con 22-35 a 7:16 do descanso. Tras un intercambio de tiros libres, con 28-38, Matulionis liderou os seus para un segundo empurrón. A cuarta tripla do lituano puxo o 35-51 ao descanso. Co rebote igualado, Leyma levaba 1 de 6 dende 6,75; o Breogán, 9 de 20.

Tralo paso por vestiarios, Leyma apertou en defensa e achegouse con triplas de Burjanadze e Monaghan para un parcial de 10-3. Quique Fraga tivo que parar o partido con 45-54. Breogán meteu catro exteriores en pista e Matulionis anotou dúas triplas consecutivas, e Samb un 2+1, e os lucenses abriron oco de novo. Unha tripla de Jeff Xavier puxo a máxima diferenza visitante (54-72) antes de entrar no último cuarto con 56-72.

Non se renderon os de Tito Díaz, e cun parcial de 10-3, tras triplas de Ben Stelzer e Dago Peña, obrigaron a Quique Fraga a parar o partido con 66-74. Stelzer anotou tres tiros libres sen fallo e Creus e Burjanadze puxeron o Leyma a cinco puntos con aínda cinco minutos por disputar. Un 2+1 de Samb e a oitava tripla de Matulionis deron aire ao Breogán (75-86), que malia a todo tivo que sufrir ata a bucina. A un minuto do final, con 82-88, Monaghan buscou a tripla que metese os seus de novo na loita, pero errou. Xavier só anotou un tiro libre e Chus Castro acertou dende oito metros: 85-89 e 15 segundos. Samb anotou outro tiro libre e puxo o 85-90 definitivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta