O Lugo segue co seu soño

Vence 2-1 o Mallorca de Fernando Vázquez cun gol de Seoane no tempo engadido. Os de Xosé Durán suman 50 puntos e quedan a tan só tres dos postos do play-off de ascenso a falla de sete xornadas. O vindeiro domingo, visita a Valladolid.

Por gcdeportes | Lugo | 24/04/2016 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Lugo 2:
Xose Xoan; Álvaro Lemos, Carlos Hernández, Dealbert, Manu; Seoane, Carlos Pita; Iriome, Sergio Marcos (Campillo, 56’), Jonathan Pereira (Igor Martínez, 78’) e Joselu (David Ferreiro, 62’).
Mallorca 1: Wellenreuther; Campadabal, Company, Aveldaño, Joan Oriol; Arana (Salomao, 70’), Damià, Sissoko, Pereira (Lago Júnior, 78’); Ortuño (Óscar Díaz, 60’) e Colunga.
Goles: 1-0: Joselu (minuto 22). 1-1: Damià (80’). 2-1: Seoane (92’).
Árbitro: Ocón Arraiz (rioxano). Amarelas a Iriome (38') e Carlos Pita (49’) no Lugo e a Sissoko (61’) no Mallorca.
Incidencias: partido da 35ª xornada de Segunda División disputado no Anxo Carro ante 3.936 espectadores. Minuto de silencio en memoria de Abdoulaye Fall Seck, futbolista cadete do Muxía, que faleceu o sábado no descanso do partido do seu eqipo co Fisterra.

Fernando Vázquez, con Xosé Durán ao fondo, toca o balón na banda do Anxo Carro.
Fernando Vázquez, con Xosé Durán ao fondo, toca o balón na banda do Anxo Carro. | Fonte: lfp.es

Non pasará este triunfo á historia do CD Lugo. Joselu marcou no minuto 22, o Mallorca de Fernando Vázquez parecía non xogarse máis que a honra, e o Lugo, satisfeito co 1-0, contaxiouse da pouca intensidade rival. Os lucenses deixaban pasar os minutos, sen apenas pasar apuros, pero Damiá fixo o empate a falla de dez minutos. O Lugo reaccionou e Seoane marcou o 2-1 no tempo engadido. Suman xa 50 puntos os lucenses e están a tan só unha vitoria do play-off de ascenso a falla de sete xornadas. A afección prepara xa a visita a Valladolid (domingo ás 17.00 horas).

Co arxentino Pablo Caballero ausente por sanción, Joselu ocupou a punta de ataque e os de Xosé Durán tentaron aproveitar a velocidade do andaluz e de Jonathan Pereira. No minuto 7 avisaron os locais, nunha xogada pola dereita de Iriome que a piques estivo de meter en propia meta Company, pero estivo atento Wellenreuther. A resposta foi de Colunga, cun disparo dende o bordo da área que se lle foi un chisco desviado. No ecuador do primeiro tempo, momento decisivo: Xose Xoan evita o gol cos puños nun disparo de Colunga. Dun saque dende o curruncho do Mallorca, o Lugo organiza un contraataque, Joselu abre á esquerda para Jonathan Pereira, Wellenreuther pasea polo bordo da área e o vigués devolveu a pelota ao segundo pau para o gol de Joselu.

Os lucenses tiveron ocasións para o 2-0 antes do descanso, pero Dealbert non atinou no seu remate coa testa e o meta alemán do Mallorca atallou un disparo de Pita. Trala reanudación, de novo Wellenreuther evitou o segundo dos lucenses tras un claro remate de Joselu nun córner.
O Lugo renunciou o ataque, pero pechou ben os espazos e o Mallorca non atopaba o xeito de crear perigo na meta lucense. Campillo entrou por Sergio Marcos, e Fernando Vázquez refrescou o equipo en punta co ex-lucense Óscar Díaz, aplaudido pola bancada no seu regreso ao Anxo Carro, e co ex–deportivista Diogo Salomao. Unha xogada pola esquerda do portugués acabou en Damià, que fixo o empate a dez minutos do final.

O Mallorca tiña un punto no peto, e o Lugo levaba moitos minutos sen achegarse con perigo á meta rival. Pero reaccionaron os de Xosé Durán e perseveraron na procura do gol da vitoria. No tempo engadido, nunha xogada revolta na área mallorquina, Carlos Pita deixou o balón para Seoane, quen rematou ao fondo da rede. No minuto 92, tres puntos que permiten ao Lugo e á afección seguir soñando co premio do play-off.

Os xogadores lucenses perseguen a Seoane para celebrar o gol da vitoria.
Os xogadores lucenses perseguen a Seoane para celebrar o gol da vitoria. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta