O Celta volve a Europa

O equipo celeste certifica a súa novena participación en competición europea dez anos despois da súa última presenza. Ten asegurada alomenos a sétima praza tralo empate do Valencia e loitará pola quinta esta noite co Granada.

Por gcdeportes | Vigo | 25/04/2016 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

O primeiro obxectivo xa está no peto: o Celta volverá a Europa a tempada que ven, na que será a súa novena participación en competición europea. A falla de tres xornadas para o remate da Liga (catro no caso vigués), o Celta asegurou esta fin de semana alomenos a sétima praza, despois do empate do Valencia (2-2) na súa visita a Xetafe e a derrota do Málaga (1-0) co Atleti.

Os celestes celebran cos seareiros a vitoria no Molinón.
Os celestes celebran cos seareiros a vitoria no Molinón. | Fonte: @rccelta_oficial

O Valencia, oitavo con 44 puntos a falla de tres xornadas, xa non poderá alcanzar ao Celta, con 54, que aínda ten pendente catro partidos, principiando esta noite co Granada (20.30 horas). O partido de hoxe, coas entradas esgotadas, servirá pois ao celtismo para celebrar o regreso a Europa.

Tras certificar a súa presenza en Europa, o obxectivo do equipo do Toto Berizzo é agora a quinta praza, a máis desexada porque evita a fase previa, que obrigaría a adiantar a pretempada o vindeiro verán. Ser sextos obrigaría a unha eliminatoria previa; sétimos, a dúas.

Deste xeito, o Celta volverá a Europa dez anos despois. A súa anterior participación en competición europea foi na campaña 2006-07 con Fernando Vázquez de adestrador. Anteriormente, participara cinco tempadas consecutivas na antiga Copa da UEFA, entre 1998 e 2003. A súa estrea en Europa foi na campaña 1971-72, cando foi eliminado polo Aberdeen escocés na primeira rolda. A súa única participación ata o de agora na Champions prodúxose na tempada 2003-04, sendo eliminado polo Arsenal nos oitavos de final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta