Feijóo aproveita a súa viaxe oficial a Uruguai para reunirse coa comunidade emigrante

Agradece ser o primeiro presidente dunha autonomía en recibir un galardón da Federación de Institucións Españo0las en Uruguai (Fieu). Neste país manterá un encontro co presidente Tabaré Vázquez e con empresarios do país.

Por Galicia Confidencial | Montevideo | 25/04/2016 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta aproveitou a súa visita a Arxentina para ir tamén a Uruguai, que conserva unha ampla comunidade emigrante. Aínda que a súa visita tiña un marcado carácter económico e empresarial, o certo é que Alberto Núñez Feijóo, non deixou escapar o momento para deixarse querer polos emigrantes.

Feijóo nun acto en Arxentina dentro da semana do libro en Bos Aires
Feijóo nun acto en Arxentina dentro da semana do libro en Bos Aires | Fonte: V.G.

De feito, no seu primeiro día de visita, que comezou este domingo, estivo no Centro Galego de Montevideo, onde recibiu unha homenaxe por parte da Federación de Institucións Españolas en Uruguai (Fieu) e onde dialogou cun nutrido grupo de mozos descendentes de galegos. "Satisfaime e déixame moi tranquilo que a colectividade prosiga nos próximos anos e que os vínculos con Galicia e co resto de España estean dentro dos obxectivos dos mozos universitarios que xa naceron aquí", dixo o presidente galego.

Durante o seu discurso ante a comunidade galega centrouse nos nexos entre Galicia e Uruguai, así como con outros países de América Latina. "Hoxe, Galicia é a Galicia mexicana, venezolana, arxentina, uruguaia, brasileira, cubana...", dixo ao referirse á gran cantidade de cidadáns e descendentes desa rexión que habitan en Latinoamérica.

Durante o acto, Feijóo foi distinguido pola Fieu, polo que aproveitou o momento. "É a primeira vez que lle dan esta distinción ao presidente dunha comunidade autónoma e para min é unha enorme satisfacción que lla dan a Galicia, ao Goberno galego e a un pobo que ten aquí máis de 40.000 persoas que se inseriron e que forman parte do país (...), que os seus fillos e netos son tan galegos como uruguaios e tan uruguaios como españois", aseverou. Nese sentido, Feijoó resaltou na súa mensaxe á comunidade que en Uruguai está, falando en termos porcentuais, a maior colectividade galega fora do país.

Ademais do encontro con empresarios e da cita co presidente uruguaio, Tabaré Vázquez, Feijoó reunirase este luns co intendente de Montevideo, Daniel Martínez.

No comezo da súa visita oficial a Uruguai o presidente da Xunta estivo acompañado polo embaixador de España en Uruguai, o tamén galego Roberto Varela; o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez, e polo presidente da Fieu, Jorge Torres Cantalapiedra. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta