Aspas para celebrar Europa

O Celta gaña 2-1 ao Granada con dous goles do dianteiro de Moaña, que suma xa 14 en Liga. Tras sete xornadas sen perder, os do Toto Berizzo son quintos con 57 puntos, a catro da Champions e con dous máis que o Athletic, vindeiro rival en San Mamés.

Por gcdeportes | Vigo | 25/04/2016 | Actualizada ás 23:09

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Celta 2:
Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Carles Planas (Jonny, 82'); Chelo Díaz (Radoja, 86'), Tucu Hernández; Orellana, Iago Aspas, Nolito e Guidetti (Daniel Wass, 68).
Granada 1: Andrés Fernández; Miguel Lopes, Babin, Lombán, Biraghi; Rochina (Rober Ibáñez, 77'), Doucouré, Krhin (Fran Rico, 64'), Isaac Cuenca, El Arabi (Barral, 82') e Peñaranda.
Goles: 1-0: Iago Aspas, de penalti (minuto 15). 1-1: Fran Rico (69'). 2-1: Iago Aspas (75').
Árbitro: Jesús Gil Manzano (estremeño). Amarelas a Carles Planas (69') e Iago Aspas (75') no Celta e a Miguel Lopes (28') e Rober Ibáñez (79') no Granada.
Incidencias: partido da 35ª xornada da Liga BBVA no estadio municipal de Balaídos ante 18.240 espectadores.

Coa praza europea xa asegurada, o Celta celebrou a súa clasificación para Europa cunha vitoria ante o Granada grazas a dous goles de Iago Aspas. “Gañaron por talento”, resumiu o técnico visitante. O Granada foi mellor no segundo tempo, o Celta sufriu ata a entrada de Daniel Wass, pero a conexión entre Nolito e Iago Aspas posibilitou o segundo gol celeste e o segundo do dianteiro moañés, que suma xa 14 na Liga. Tres puntos máis para os celestes, quintos con 57, a catro da Champions e con dous máis que o Athletic, vindeiro rival (domingo ás 12.00h).

Comezou o partido con ritmo, de ida e volta con transicións rápidas. A primeira ocasión de perigo tívoa o Celta, no minuto 6, tras un pase perfecto de Tucu Hernández para Aspas, que errou no control pero o balón caeu para Guidetti, que rematou para a parada de Andrés Fernández. Pero na xogada seguinte, o aviso foi do Granada: Isaac Cuenca chegou ata a liña de fondo e o seu centro paseouse pola portaría local. Aínda así, o Celta levaba perigo en cada ataque, fíxose co dominio do encontro e axiña tivo recompensa na insistencia de Guidetti, que perseguiu a Biraghi, adiantouse ao seu despexe e recibiu unha patada deste. Aspas transformou o penalti no 1-0.

Hugo Mallo, Cabral e Iago Aspas celebran coa afección a vitoria e a praza europea.
Hugo Mallo, Cabral e Iago Aspas celebran coa afección a vitoria e a praza europea. | Fonte: lfp.es

Estaba groggy o Granada, pero o Celta non aproveitou para facer o segundo. Nolito rematou fóra tras pase atrás de Aspas. Unha chegada de Hugo Mallo e unha falta moi pechada de Nolito foron outros achegamentos celestes sen éxito. Faltou precisión nos metros finais. O Granada estirou un chisco as liñas e no minuto 39, susto para o Celta: falta lanzada por Rochina que Lombán, entre defensores celestes, rematou coa testa ao traveseiro.

Tralo descanso, o Celta arrincou apresurado, con moitas perdas de balón, permitindo un innecesario partido aberto, de ida e volta, que levaba perigo á meta de Rubén Blanco.
O meta celeste evitou o empate no man a man con Peñaranda no minuto 54 tras unha rápida contra do Granada. Entrou Fran Rico, e na súa primeira intervención disparou con perigo preto do pau esquerdo de Rubén Blanco. O Celta sufría e Berizzo tentou poñer remedio coa entrada de Daniel Wass. Antes de recuperar o equilibbio o Celta, o empate: Peñaranda chegou ata a liña de fondo, centrou atrás e Fran Rico, galego de Portonovo, fixo o empate.

Reaccionou o Celta, que volveu pisar área rival empurrado pola súa afección. Wass probou a Andrés Fernández dende o bordo da área, e no minuto 75, o talento celeste: desborde de Aspas e Nolito que asiste ao de Moaña, que cun toque de precisión fixo o segundo. O Granada acusou o golpe e o cansazo, e non pasou apuros ata o final o Celta, que incluso puido facer o terceiro. Sete xornadas consecutivas sen perder (tres vitorias e catro empates), e o Celta é quinto. A afección saltou ao céspede para celebrar un Celta europeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta