10 e 15 euros por ver a Selección

As entradas para o Galicia-Venezuela do vindeiro 20 de maio poñeranse á venda nos vindeiros días e poderán mercarse vía internet, nas sedes da Federación Galega ou en taquilla o mesmo día do partido.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/04/2016 | Actualizada ás 09:09

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Fútbol ven de anunciar os prezos para asistir ao regreso da Selección Galega de fútbol, que sete anos e medio despois xogará un partido internacional en Riazor, o vindeiro 20 de maio. A xunta directiva acordou que as entradas para o amigable entre Galicia e Venezuela teñan un custo de 10 euros nos Fondos e de 15 euros nas bancadas de Tribuna e Preferencia. As entradas poñeranse á venda nos vindeiros días e poderán adquirirse vía internet, nas sete sedes da Federación ou nas taquillas de Riazor o mesmo día do partido.

Mosaico coa bandeira galega nas bancadas de Riazor no derbi Dépor-Celta.
Mosaico coa bandeira galega nas bancadas de Riazor no derbi Dépor-Celta. | Fonte: lfp.es

Segundo a FGF, son uns prezos accesíbeis co obxectivo de facilitar a todos os seareiros que poidan asistir a este encontro histórico, no regreso da Selección absoluta logo de case oito anos de ausencia. O último partido de Galicia foi contra Irán, tamén en Riazor, o 27 de decembro de 2008, co resultado de 3-2.

Grupos e peñas terán a posibilidade de mercar entradas conxuntas para situarse na mesma zona do estadio. Os colectivos interesados poden poñerse en contacto coa Federación Galega de Fútbol para tramitar as súas solicitudes.

Os afeccionados poderán ver en acción á que, segundo o presidente Rafael Louzán, é posíbelmente a mellor xeración de futbolistas galegos: Diego López, Lucas Pérez, Iago Aspas, Sergio Álvarez, Pedro Mosquera, Santi Mina, Denís Suárez, Lucas Vázquez, Joselu, Hugo Mallo, Álex Bergantiños ou Jonny, entre moitos outros. Fronte a Galicia, toda unha selección que vai disputar a Copa América Centenario en xuño en Estados Unidos. A viñotinto estará en Galicia con todas as súas estrelas, como Salomón Rondón, Rincón, Vizcarrondo, Peñaranda, Juanpi ou Miku. E con Rafael Dudamel estreándose no cargo de seleccionador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta