Feijóo considera “inmoral” que a xustiza e a oposición vinculen as mortes da hepatite C cos recortes

Dous altos cargos do Sergas declararon este xoves en calidade de imputados. A plataforma de afectados agarda que a xustiza poida esclarecer a verdade.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/04/2016 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insiste en desbotar as críticas dos afectados pola hepatite C, partidos políticos e mesmo a xustiza que relacionan as mortes provocadas pola falla de suministración de medicamento coas políticas de recortes da Xunta. “Relacionar a política económica do Goberno galego coas mortes pola hepatite C é unha inmoralidade e non vou admitir iso”, suliñou.

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta

Na rolda de prensa posterior ao Consello da xunta, Feijóo insistiu en cualificar de “inxustas” esas comparacións e volveu repetir, como xa fixo na Cámara galega, que o seu goberno investiu 130 millóns de euros no tratamento contra a hepatite C. “Máis que todo o orzamento do que dispón unha cidade como Santiago de Compostela en todo un ano e máis do que custa facer un hospital comarcal”, dixo para xustificarse.

“Reitero o que xa dixen no debate –na Cámara este mércores--. Síntome satisfeito co que fixo o Sergas nestes anos e nos investimentos na sanidade pública”, recalcou para repetir que é “inmoral” que se relacionen as mortes coas súas políticas de austeridade.

Neste sentido, lembrou que, desde que en 2012 comezaron os “primeiros atisbos” deste problema, a Xunta comezou xa a actuar e forneceu os primeiros fármacos. “E desde entón fixéronse 400 trasplantes de fígado que teñen un custe de 100.000 euros cada un”, engadou. “Por iso, insisto, non estamos escamoteando diñeiro público nisto”, engadiu.

Declaracións nos tribunais

Precisamente, este venres foron citados a declarar como investigados (imputados) dous altos cargos de Sanidade  para responder da suposta comisión de prevaricación administrativa e homicidio involuntario, por presuntamente demorar e denegar custosos fármacos a enfermos de hepatites. O outrora director xeneral de Asistencia Sanitaria do Sergas e agora xerente da área de Vigo, Félix Rubial, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González Criado-Mateo, evitaron contestar as preguntas da prensa á súa entrada os xulgados. Sobre isto tamén se referiu Feijóo. “Hoxe foron declarar dúas persoas e veremos que din e logo agardaremos a decisión da xustiza”, manifestou ao ser preguntado ao respecto.

Pola súa banda, o portavoz da plataforma de afectados de hepatite C de Galicia, Quique Costas, confiou en que a toma de declaración, en calidade de investigados, destes algos cargos"sirva para empezar a aclarar como se xestionaron as cousas" e "coñecer a verdade".

O portavoz explicou aos medios de comunicación que desde a plataforma afrontan "este momento procesual coa lóxica espectativa" de saber "que queren dicir" os altos cargos acusados e "como foi a xestión que levou a estes feitos" para "empezar a coñecer a verdade". Tamén expresou o seu desexo de que se aclaren responsabilidades coas respostas ás preguntas que formularán "tanto o xuíz instrutor, como o fiscal", como as que formularán desde a acusación popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O Lucín

Alégrome que recoñeza a súa catadura por vincular a hepatite C cos orzamentos da Xunta.