TVG censura a letra dunha canción de Ataque Escampe que critica ao PP

Na emisión suprimiuse da interpretación do tema “San Marino” o verso “Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP”.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/04/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Televisión de Galicia emitiu censurada unha actuación do grupo musical Ataque Escampe na 11ª edición do programa Musigalité deste pasado mércores, 27 de abril, titulado “Bancos e salóns recreativos”, dedicada aos grupos Villanueva, Uppercut e Ataque Escampe. No programa, gravado a finais do pasado verán, este último grupo interpretou a canción “San Marino”, incluída no seu até agora último LP, "O disco vermello", de 2014. No texto de “San Marino” a voz narrativa soña con atracar unha sucursal bancaria na Praza Roxa de Santiago de Compostela, e un dos seus retrousos di: “Isto é un atraco, chegarei até o final por unha vez. Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP”.

Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.
Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.

Na actuación emitida en Musigalité recolleuse integramente a interpretación acústica do tema, pero ao chegar á frase “por unha vez”, hai un corte na música e pasa á parte inmediatamente posterior, unha coda instrumental con coros, como se pode apreciar no minuto 27'27" da gravación do programa (http://musigalite.crtvg.es/video_augmented/video-aumentado-pgm11-bancos-e-salons-recreativos/).

A banda publicou na mañá do xoves 27 o seguinte comunicado en redes sociais:

“Acabamos de saber que no programa Musigalité da TVG emitiuse onte a nosa canción "San Marino" censurada. O último verso do tema antes da coda instrumental, como talvez saibades, é: 'Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP'. Pois ben, como podedes ver no vídeo (en 26'12"), hai un sutil corte entre o verso anterior e a parte instrumental final que, casualmente, elimina ese verso, e só ese verso, da canción. Pensabamos que a censura hoxe en día consistía en decidir non emitir o que non interesa, pero non: comprobamos con enorme tristeza e noxo que Musigalité e a TVG non dubidaron en meter a tesoira de toda a vida de dios como se estivésemos en 1946. Non queremos aparecer como vítimas de nada, pero cremos que hai motivos serios para preocuparse como cidadáns e cidadás. Agradecemos difusión disto, e non por amor pola música senón por decencia.”

Pola súa parte, a produtora do programa, en comunicación telefónica á banda (por iniciativa desta última), alega que se eliminou o verso por necesidades da edición e sen ánimo de censurar, e que nunha sección da súa páxina web hai un enlace na parte inferior na que se pode consultar a versión íntegra do vídeo.

LETRA COMPLETA

“Son boa persoa e hai días que estou on fire. Aquí na Praza Roxa onde rula o capital. Na sala de xogos fun grande tempo atrás. Agora todo cambiou: ás nove abre a sucursal. Isto é un atraco, vinos na televisión, sei como van. A ver, cabronazos, aínda colle outro millón na bolsa do Media Markt. Noites enteiras procurando o destino final, e nos Xogos sen Fronteiras San Marino non pintaba tan mal. Nos rañaceos aínda escoitan os Dire Straits, mais de onde veño eu as cousas non van tan ben. Isto é un atraco, chegarei até o final por unha vez. Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal, como fan os do PP”.

Pódese escoitar a gravación orixinal da canción aquí: https://ataqueescampe.bandcamp.com/track/san-marino.

Velaquí un vídeo coa letra íntegra:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 M.I.

Musigalité é un programa da produtora M International Audiovisual para TVG. O programa é un proxecto con contido aumentado e durante a emisión, desde o portal http://musigalite.gal, aparece contido relacionado coa emisión que aporta moito máis valor ao mesmo. En todos os programas e con todos os grupos as actuacións dos grupos sempre están mesturadas coas entrevistas. Neste caso, coma sempre, o tema completo, métese coma contido extra tal e como o podedes ver no seguinte enlace: http://musigalite.crtvg.es/augmente... Está concebido así o programa e o criterio do formato e dos contidos son sempre e exclusivamente da produtora.

3 Apio Claudio

Estou seguro de que eses 7 segundos facía falta sacalos por razóns técnicas facendo unha versión recortada da obra artística e sen embargo os planos recurso de recheo que hai polo medio eran esenciais. Bravo! Xa votaba de menos un réxime que defenda a xente de ben!

2 Privatización

Nunha TVG privatizada cun prego de condicións estricto esto non ocorrería. Pero claro, os que se adican á política son todos funcionarios, e ninguén lles fale de privatizar nada, aínda que sendo pública nos saia por un ollo da cara.

1 Avante TVG

Si home si, as televisións privadas non as manipula nin cristo. E veña viño. Por certo, que vexo que non tes nin idea, as televisións autonómicas "privatizadas" seguen pagándose con cartos públicos, porque o que está privatizada é a xestión, non o financiamento. E como aforran cartos? Moi simple, pagando salarios á baixa, normalmente á metade de prezo (7 Región de Murcia), poñendo actrices no canto de xornalistas nos programas informativos (Castilla-La Mancha), que isto xa é de coña, e un longo etcétera que fai que o prestixio e credibilidade desas canles quede coma o estrume.

1 Avante TVG

A TVG é unha canle moi necesaria para a cohesión de Galicia, non concordo con aqueles que pretenden pechala. Os que adoitan querer pechala sempre son nacionalistas. Ben galegos que se queixan da súa liña editorial, ben nacionalistas españois conscientes do poder das tv's autonómicas para facer país (como TV3). Por iso sempre fan gala do "despilfarro" das autonomías. Lembremos que as prioridades económicas SEMPRE teñen unha base ideolóxica, por iso se queixan dalgúns gastos e doutros non. Alén deses intereses ideolóxicos sectarios, claro que sería moi interesante desgobernamentalizar a TVG e ampliar as capas de poboación á que vai dirixida, non só aos vellos. Musigalité é un bo exemplo, pero cousas coma estas enzoufan o prestixio da canle. Cómpre rigor, independencia política e pluralidade. Avante coa TVG.

1 Bernar

Muito de acordo. Confundir a TVG com os dirigentes políticos da TVG e por tanto com as políticas pontuais da nossa TV é algo que apenas beneficia o espanholismo.