Homenaxe a un precursor

O galego Iván Raña, campión do Mundo de tríatlon en 2002, recibirá este domingo na Copa de Europa de Madrid un recoñecemento a súa brillante carreira. A proba servirá ao ordense para preparar o Ironman de Lanzarote, o vindeiro 22 de maio.

Por gcdeportes | Compostela | 29/04/2016 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

Antes dos cinco títulos de Javi Gómez Noya, outro galego foi campión do mundo. O ordense Iván Raña acadou no 2002 o título mundial de tríatlon en Cancún (México), e ese mesmo ano tamén foi campeón de Europan en Gyor (Hungría). Ao ano seguinte, repetiu título europeo en Carlsbad (Chequia) e foi subcampión mundial en Queenstown (Nova Zelanda), ao igual que no 2004 na illa portuguesa de Madeira.

Iván Raña, no medio Ironman de Palmas, onde foi quinto.
Iván Raña, no medio Ironman de Palmas, onde foi quinto. | Fonte: @ivanranafuentes

Con 36 anos e aínda en activo na longa distancia, Raña foi invitado pola Federación Española de Tríatlon para participar esta fin de semana na Copa de Europa de Madrid, unha proba na que regresará á distancia olímpica e na que recibirá unha homenaxe pola súa brillante e longa traxectoria. “Sempre te fai ilusión que se acorden de ti; e se é na casa, aínda máis”, manifestou nada máis chegar a Madrid, onde este venres se presenta a proba da Copa de Europa.

A competición de Madrid servirá a Iván Raña para preparar a vindeira cita, o Ironman de Lanzarote o próximo 22 de maio. O ordense estreou campaña a principios deste mes en Brasil, onde foi quinto no medio Ironman de Palmas, e ten de novo como principal obxectivo da tempada o Ironman de Hawai, en Kona, en outubro.

Iván Raña, dúas veces diploma olímpico tras ser quinto en Sidney’2000 e Pequín’2008, valora que a homenaxe chegue cando aínda está en activo e agradece a iniciativa da Federación Española de Tríatlon, e nomeadamente a Alicia García (secretaria xeral) e Iñaki Arenal (seleccionador español). O ordense pretende “disfrutar ao máximo da proba” pero avisa de que tentará mover a carreira, aínda que non sexa xa a distandia olímpica a súa especialidade. O circuíto será esixente e atractivo, coa meta no Teatro Real tras acadar o permiso do Concello de Madrid. Serán 1.500 metros de natación no lago da Casa de Campo; 40 quilómetros de bicicleta polo Parque do Oeste; e dez de carreira a pé no entorno do Palacio de Oriente e do Teatro Real.

Ademáis de Raña, na proba masculina (13:05 horas) participarán varios galegos máis: Uxío Abuín (que defende o título da edición do 2015), Antonio Serrat, Diego Paz, Alberto Castiñeira e Andrés Cendán. Na categoría feminina (10:50 horas) non haberá participación galega.

O ordense Iván Raña, vencedor no Ironman de Austria no 2014.
O ordense Iván Raña, vencedor no Ironman de Austria no 2014.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta