Leiceaga será o candidato oficialista nas primarias do PSdeG

O economista compostelán recibe luz verde de Pedro Sánchez e da presidenta da xestora galega. O seu perfil facilita un eventual pacto con outras forzas para gobernar a Xunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/04/2016 | Actualizada ás 22:04

Comparte esta noticia

A contorna de Xaquín Fernandez Leiceaga confirmou este serán que será candidato as primarias do PSdeG para elixir cabeza de cartel nas autonómicas.  Está previsto que o político compostelán faga oficial a súa candidatura este sábado.

Xaquín Fernández Leiceaga
Xaquín Fernández Leiceaga

 

Segundo indica a Cadena Ser, Leiceaga acudiu esta semana a sede en Madrid. Aló, en Ferraz, o economista tería recibido luz verde do aparato de Pedro Sánchez.  A presidenta da xestora,  tamén apoiou hoxe a súa figura. Pilar Cancela cualificouno de “magnífico candidato”. 

 

Son dous indicadores de que o ex-portavoz parlamentario conta co visto bo da estrutura orgánica tanto do PSOE galego como estatal.

 

Natural de Noia (1961) é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela onde tamén é profesor titular de economía aplicada.  

 

Ideoloxicamente procede do nacionalismo, pois foi secretario nacional de ERGA a comezos dos 80.  Formou parte da comisión xestora do Bloque Nacionalista Galego trala súa fundación (1982) e integrouse en Unidade Galega cando entrou a formar parte do BNG (1994).

 

Tras ser concelleiro polo Bloque en Compostela,  en 2002 foi elixido secretario de finanzas do BNG, pero dimitiu en outubro dese ano e pasouse ao PSdeG. Foi elixido parlamentario pola provincia da Coruña nas eleccións autonómicas de 2005. Volveu ser elixido parlamentario nas autonómicas de 2009. Chegou a ser voceiro parlamentar, pero Pachi Vázquez defenestrouno cando tomou as rendas do PSdeG.

 

A súa traxectoria e talante conciliador colócano en boa posición para negociar un eventual acordo de goberno coas mareas. Agora ben, antes terá que superar aos candidatos que, no seu caso, presente o sector crítico. Leiceaga conta con apoios en Lugo e na Coruña, pero non contará co respaldo de Vázquez en Ourense e está por ver que postura toma Abel Caballero en Pontevedra. 

 

O calendario das primarias culminará o sábado 28 de maio coa votación da militancia. Botarán a andar mañá mesmo, día 30 de abril, cun prazo de tres días para a presentación de precandidaturas, ata o 2 de maio. O 3 de maio será o anuncio das precandidaturas presentadas e abrirase un prazo de 11 días para a presentación de avais, do 3 ao 13 de maio.

 

O 14 de maio será a verificación de avais e proclamación provisional dos candidatos e candidatas e abrirase un prazo de recursos ata o 18 de maio, sendo o 19 de maio a proclamación definitiva das candidaturas. Posteriormente haberá unha campaña de información de oito días, do 20 ao 27 de maio. A xornada de votación na que se coñecerá o candidato ou candidata á Xunta será o sábado 28 de maio, unha elección que será proclamada oficialmente ao día seguinte, o 29 de maio.

 

Deste xeito, “o proceso de primarias non coincidirá coa campaña electoral das xerais e xa teremos cartel para Galicia antes desa campaña” . Son palabras Cancela ao anunciar as eleccións internas. Un anuncio por sorpresa que colle co pé cambiado aos críticos e que causou malestar en moitos persoeiros do PSOE, que se enteraron polos medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

7 v5YD

Tempos aqueles en que Paco Rodríguez o propuxo para o Comité Central da UPG dicindo que era un rapaz de "boa" familia e que interesaba ter xente así. Paco, non acertaches unha na túa vida.

6 Noia

O tapado de Baltar para sacar a Feijoo da Xunta. O muñidor, fino estratega, é Lage Tuñas, que aspira á Consellaría de Presidencia.

5 tamos locos¡¡

Pois eu coido que se ten algo de sentido común non se presentaría porque o psdg é un esperpento, debería deixalo morrer en paz e construir un partido serio de esquerda e verdadeiramente decente....e non sometido a pedráz.

4 serrano

A unica opcion decente, en medio de tanto galdun.

3 Gamela

Un home bo, rodeado de víboras!