Temas: BALTAR FEIJóO

Feijóo admite que non hai maioría posible sen Ourense

O presidente da Xunta comparte mitin co presidente da Deputación, malia que a investigación contra Manuel Baltar avanza. O líder provincial promete manter ou superar os tradicionalmente excelentes resultados do PP nesta provincia.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/04/2016 | Actualizada ás 21:38

Comparte esta noticia

O candidato á presidencia do Partido Popular de Galicia e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, afirmou hoxe na capital das Burgas ser “un convencido desta provincia, de onde imos sacar unha terceira maioría absoluta”.  Alberto Nuñez Feijóo admitiu que sen a colaboración dos ourensáns, resulta imposíbel para o PP repetir por terceira vez a maioría absoluta.

Feijóo e Baltar nun encontro cos militantes do PP en Ourense
Feijóo e Baltar nun encontro cos militantes do PP en Ourense

Ante máis de trescentos afiliados do PP ourensán que se deron cita no auditorio do Conservatorio de Música, o mandatario declarou que “en Ourense non podemos fallar nin baixar dos resultados obtidos en 2012 e desde aquí imos ensinar o que sabemos facer”.

Cómpre lembrar que Ourense é tradicionalmente a provincia con mellores resultados para o PPdeG. Con todo, nas últimas xerais sufriron un significativo retroceso, permitindo que En Marea se fixera sorprendentemente cun deputado. A irrupción de Democracia Ourensana -que concurrirá aos comicios galegos por vez primeira- e a investigación contra o presidente da Deputación no caso de suposto enchufismo por sexo (a que se engade a imputación do xefe de persoa da Deputación e alcalde de Monterrei) engaden dificultades ao reto ourensán dos conservadores.

Polo visto este sábado en Ourense, non hai fisuras entre o equipo de Feijóo e o baltarismo. Manuel Baltar, tamén presidente do PP gabou ao mandatario autonómico dicindo que “o PP é a organización política de Galicia, non que temos un líder de verdade, e que amosa a súa solvencia e normalidade”.  Baltar prometeu bos resultados nos comicios autonómicos “aquí mantemos ou superamos os resultados, por iso imos conseguir que Alberto Núñez sexa presidente de novo e con maioría”.o

A boa sintonía tamén se percibe en que o PPdeG escolleu Ourense para o congreso que proclamará a Feijóo como candidato. En palabras de Baltar “o congreso autonómico que converterá a Ourense en protagonista do partido a nivel nacional”.

Temas: BALTAR FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta