Un Dépor á deriva

O equipo deportivista cae 0-2 co Xetafe e queda a catro puntos do descenso, empeñado en complicarse a permanencia a falla de dúas xornadas, nas que se enfrontará a Vilarreal e Real Madrid. Os de Víctor Sánchez del Amo suman un novo récord negativo: dezanove xornadas consecutivas encaixando goles.

Por gcdeportes | A Coruña | 01/05/2016 | Actualizada ás 23:08

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
RC Deportivo 0:
Manu Fernández; Laure (Juanfran, 61’), Arribas, Sidnei, Fernando Navarro (Oriol Riera, 85’); Pedro Mosquera, Celso Borges, Fede Cartabia, Fayçal Fajr (Cani, 61); Luis Alberto e Lucas Pérez.
Xetafe 2: Guaita; Miguel Ángel (Cala, 70’), Vergini, Vigaray, Damián; Lacen, Pedro León, Medrán (Juan Rodríguez, 79’), Moi Gómez, Pablo Sarabia e Álvaro Vázquez (Stefan Scepovic, 57’).
Goles: 0-1: Pedro León (minuto 41). 0-2: Vigaray (minuto 85).
Árbitro: Clos Gómez (aragonés). Expulsou a Celso Borges no minuto 64 por dobre cartón. Amarelas a Navarro (75’) no Deportivo e a Lacen (20’), Pablo Sarabia (27’), Vigaray (50’), Cala (72’), Medrán (74’) e Moi Gómez (93’) no Xetafe.
Incidencias: partido da 36ª xornada da Liga BBVA disputado no estadio municipal de Riazor ante 25.007 espectadores.

Estirada inútil de Manu Fernández no 0-1 de Pedro León.
Estirada inútil de Manu Fernández no 0-1 de Pedro León. | Fonte: lfp.es

A afeccción, sempre fiel, despediu o equipo con apupos e panos brancos. Foi tras asistir a outra decepción en Riazor: a mesma película, cos mesmo males, habituais nos últimos meses. Un equipo sen alma, á deriva, incapaz de atopar solucións á súa nefasta xeira: unha soa vitoria nos últimos vinte partidos, dezanove partidos consecutivos encaixando goles, o equipo que máis tantos recibe a balón parado… E unha imaxe cada xornada que pasa máis deteriorada, con todo o crédito esgotado. O Dépor caeu 0-2 ante un Xetafe contra as cordas que fixo o xusto para gañar: unha contra no primeiro tempo, un córner no segundo. Non necesitou máis. Os de Víctor Sánchez del Amo quedan con 39 puntos, a catro do descenso. E nas últimas dúas xornadas, ante Vilarreal e Real Madrid, deberán sumar algún punto. Iso, ou agardar a que os rivais tropecen. Con Granada, Sporting e Xetafe, teñen o gol-average perdido.

Foi de máis a menos o Dépor, que principiou levando o peso do partido, con Fede Cartabia como o home máis incisivo en ataque. Luis Alberto, que volvía ao once, probou cun disparo dende o bordo da área que obrigou á estirada de Guaita. Pero os minutos pasaban case sen ocasións, con pouco ritmo nos dous equipos e con moito medo á derrota. O Xetafe só se defendía e Lucas Pérez, de falta, levou perigo á meta madrileña. Pero o Xetafe deuse conta axiña da impotencia do Dépor, e comezou a saír ao contraataque baixo a dirección de Pedro León. Tras dous avisos, nova contra e Pedro León, tras canear sen problemas a Navarro, tirou pegado ao pau esquerdo de Manu Fernández, que nada puido facer na súa estirada. No peor momento, 0-1 e ao lecer.

Trala reanudación, o Dépor, obrigado a ir polo gol, pechou no seu campo o Xetafe. Fede Cartabia estivo a piques de aproveitar unha falta sobre Lucas Pérez, pero Guaita desviou o disparo. Os deportivistas tentaban chegar á área rival, pero faltaban ideas. Víctor apostou por Juanfran e Cani para tentar revitalizar o ataque coruñés, pero ao pouco de saír, o Dépor quedou con dez. A remontada complicouse coa expulsión do costarriqueño Celso Borges no minuto 64, e o Xetafe perdonou o 0-2 nun remate na área de Stefan Scepovic que detivo Manu.

Os coruñeses buscaban xa á desesperada o empate para rescatar un punto, pero o que chegou foi o segundo visitante, obra de Vigaray, nun saque dende o curruncho que a defensa deportivista non acertou a despexar. Era o minuto 85, entrou Oriol Riera demasiado tarde, pero non chegou nin o gol da honra para o Dépor, que foi despedido polos seus con apupos. Quedan dúas finais, visita a Vilarreal e Real Madrid en Riazor, pero hoxe en día o equipo non semella en condicións de sumar ante dous rivais europeos. As alarmas están acendidas en casa Dépor.

Lucas Pérez laiase dunha ocasión errada.
Lucas Pérez laiase dunha ocasión errada. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cruñito

Adeus Turquía, adeus!