Jaureguizar gaña o premio Xosé Aurelio Carracedo por un artigo sobre os políticos e os intelectuais

O xornalista Santiago Jaureguízar recibiu o XXVI Premio de Periodismo "Xosé Aurelio Carracedo", na súa edición 2016, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola Deputación de Ourense como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 04/05/2016 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O xurado do certame concedeu o galardón a Jaureguízar polo artigo publicado no xornal "El Progreso" de Lugo, titulado Os amigos do cadáver de Blanco Amor.

Jaureguizar recolle o premio Carracedo na Deputación de Ourense
Jaureguizar recolle o premio Carracedo na Deputación de Ourense

Santiago Jaureguizar agradeceu ao xurado por escoller o seu artigo para este premio "un dos máis importantes que se conceden no país en prensa". O xornalista explicou que no seu artigo fala "das relacións entre os intelectuais e os políticos a través da figura de Blanco Amor, despois de ler unha entrevista coa escritora María Xosé Queizán que era amiga del e contaba o que lle sucedeu a Blanco Amor cando morreu".

Trátase dun artigo, que segundo o seu propio autor, aborda a relación entre políticos e intelectuais e os diferentes usos da linguaxe. "Os intelectuais tentamos ser o máis precisos posible na linguaxe porque pensamos influír nos políticos, e os políticos, sen embargo, fan un uso distinto da linguaxe, porque eles teñen que intentar non comprometerse coas palabras". Finalmente, destacou que o artigo é máis crítico cos intelectuais que cos políticos, "que teñen gran capacidade para encaixar as críticas", e comentou: "A min nunca me chamou un político cando escribín mal sobre el, anque si me ten chamado algún poeta".

Na acta do xurado, á que deu lectura Fernando R. Méndez, destácase do artigo de Jaureguízar "a calidade xornalística, o sentido crítico e o feito de actualizar, por medio dunha personaxe histórica da literatura galega como é Blanco Amor, a crítica á situación social que vivimos nestes momentos. Asemade o xurado considera que se trata dun artigo "moi ben estruturado e orixinal, unha proposta excelente polo seu enfoque".

Pola súa banda, Clara Carracedo agradeceu á Deputación de Ourense que, ano tras ano, a institución provincial lembre a memoria do seu irmán a través deste certame.

Santiago Jaureguizar é redactor de Cultura do diario El Progreso de Lugo dende 1993. Coordina o suplemento cultural Táboa Redonda. Como xornalista foi galardoado cos premios "Manuel Reimóndez" e "Museo Provincial de Lugo". Como narrador foi recoñecido cos galardóns "Lueiro Rey", "Xerais", "García Barros", "Terra de Melide" e "Caixa Galicia de Literatura Infantil e Xuvenil".

O xurado do premio, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Francisco Rodil Lombardía, membro da Comisión de Garantía da FAPE; Francisco González Sarria, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eumesmo

Santiago Jaureguízar ORTIZ DE ZARATE, famoso golpista e criminal en 1936, fusilado logo en Guadalaxara.